A primeira xornada da campaña municipal para combater o consumo de alcol e drogas entre menores rexistra 157 intervencións no Cantón

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, executou o pasado 5 de decembro a primeira intervención da campaña “Educando no Lecer”, unha iniciativa que nace co obxectivo de combater o botellón e reducir o consumo de drogas entre os mozos.

O programa, impulsado polo goberno local en colaboración con Asfedro (Asociación Ferrolana de Drogodependencias), contempla catro actuacións con motivo das festas do Nadal. A primeira delas, no Cantón de Molíns, iniciouse ás 23.30 horas e rematou ás 3 de mañá. Rexistrou un total de 157 intervencións —89 homes e 68 mulleres— levadas a cabo entre os servizos de análise de substancias, o subministro de información respecto aos riscos do consumo de drogas e a repartición de auga, petiscos e sacas de lixo.

Foron varios educadores sociais e persoal voluntario os encargados de atender aos mozos que se achegaban á carpa. Destacan que foron “poucas as persoas” que fixeron referencia ao alcol como “substancia que xera riscos” e foron os propios técnicos os que lanzaron dita reflexión a través das diferentes estratexias, segundo indican desde a concellería de Benestar Social. Tamén se incidiu no “consumo abusivo de tabaco”.

Pola súa banda, Martínez indicou que “a meirande parte dos que ata alí acudiron manifestaron a súa satisfacción polo servizo que recibiron” e moitos “achegáronse a posteriori con amigos”.

Repetirase no Cantón e na rúa María

Por todo iso, a edil de Benestar Social fai un balance “moi positivo” do programa e sinala que “queda demostrada a idoneidade” da posta en marcha desta iniciativa, que se repetirá o 20 de decembro no Cantón, o 31 na rúa María e o 5 de xaneiro de novo no Cantón.

Desde a concellería “estamos moi satisfeitos”, sobre todo “tendo en conta que ao tratase da primeira actuación, a presenza dos educadores sociais e voluntarios podía xerar certa desconfianza”. O “éxito” da campaña pon de manifesto que a concellería de Benestar Social ten unha “importante demanda social” ante o que é un “problema moi serio, o consumo de drogas entre menores”.

Lea también

Inauguración en Ferrol de la «II Festa do Marisco de Semana Santa»

Se celebra hasta el próximo domingo bajo una carpa en el muelle ferrolano de Curuxeiras …