Apuntes comarcais sobre o Nadal

Ferrolterra Antiga

O pasado día 16 de decembro, noutra sesión dentro do programa `Unha tarde no muíño ́ da Radio Filispim, tivemos a sorte de contar con Bruno Lopes, da Fundaçom Artábria, que nos relatou coma foi o proceso ó longo destes 11 anos para que unha figura coma a do Apalpador puidese ter o seu sitio entre os hexemónicos Papa Noel ou os Reis Magos. Con dito pretexto presente, coidamos que se podía redactar este artigo, có obxectivo de falar doutros elementos vinculados con estas datas de Nadal e que xiren ó redor desta comarca.

Malia a proposta, quizais cómpre comezar indo coma sempre ás supostas orixes do Nadal. Coma outras festas das que temos falado (caso de Entroido, Defuntos…), as raigames desta celebración hai que procuralas nunha visión do tempo marcada polo ciclo, polo continuo ir e vir das estacións; fundamental nas sociedades agrarias do pasado. A esta base se lle engadiu despois o superestrato cristián que a día de hoxe é indisociábel para nós. Deste xeito, un dia tan sinalado coma o 25 de decembro, coincidente có `Díado Sol Invicto ́ pagán e vinculado ó solsticio de inverno, foi fixado coma a data de nacemento de Xesús xa a partires da tardoantigüidade. Malia os cambios dados nas crenzas, a idea substancial que sigue presente é a de xénese, de vida.

Con esta puntualización xeral, podémonos ir dirixindo cara aspectos máis enfocados á nosa contorna.
O feito de que a Igrexa intentase controlar as celebracións, mesmo mediante a santificación de datas marcadas por rituais xentilicios, non foi impedimento para o mantemento e desenvolvemento dunha serie de accións que proseguiron de xeración en xeración. Este é o caso do chamado `Tizón de Nadal ́. En realidade, coma con outros aspectos da cultura campesiña, estamos a falar dunha manifestación que ten os
seus equivalentes ó longo da Europa rural. Unha das primeiras noticias que temos deste costume data do ano 1541, cando é citado no Sínodo Mindoniense do Arcebispo Antonio de Guevara: `La noche de Navidad echan un gran leño en el fuego, que dura hasta año nuevo, que llaman el tizón de Navidad, y dan después para quitar calenturas de aquel tizón (…). ́ O certo é que este rito perviviu até ben entrado o
século XX no rural.

Dicir que outro lume propicio era a `Torada de Nadal ́; feito nun espazo aberto e empregando as cinzas para que os animais pasasen por riba a xeito de protección. Documentado no Courel, tense posto en vinculación có Apalpador dada a coincidencia nas datas e pola evidente relación dun carboeiro cunha lareira/luminaria ben alimentada. Puido ter existido un equivalente mindoniense do Apalpador? Non o podemos asegurar, mais tampouco é posíbel negalo de xeito rotundo.

Outra curiosidade vinculada ó Nadal, é a dunha pequena, mais fermosa capela, situada en San Sadurniño: A Capela do Belén. Esta posúe na súa fachada un escudo no que se identifican as armas das liñaxes Lanzós (as lanzas), Castro (as arroelas), Figueroa (cinco follas de figueira) e Osorio (dous cuadrúpedes). Ditas armas resultan curiosas dado que non atopamos rastro do brasón dos Andrade (banda e dous dragantes); sobranceira liñaxe dos titulares do Marquesado de San Sadurniño. A súa promotora, María Rosa Álvarez de Reinoso y Pardo de Andrade, non incorporou os cuarteis da rama masculina da familia; evitando as armas de seu pai, dos seus avós e do fundador do morgado, Fernando de Andrade. No canto deles, as armas representadas son as da súa nai e avoa (Figueroa), as da súa tataravoa (Osorio) e as
da muller de Fernando, Inés de Castro e Lanzós; filla do famoso capitán irmandiño Alonso de Lanzós. A qué responde esta escolla? Seguindo a Margarita Sánchez Yáñez, o feito de erixir unha capela vinculada estreitamente á Virxe do nacemento, de Belén, tense que poñer en relación coa morte do irmán de María Rosa, herdeiro do morgado atendendo á primoxenitura por vía masculina, o que fixo que recaera sobre ela a titularidade nobiliaria; véndose na obriga de que fose quen de garantir a continuidade da liñaxe. Así pois, a elección da referida advocación debe ser considerada coma unha garantía de maternidade; destacando a maiores ás “nais da liñaxe”, se cadra coma reforzo desa súplica.

Deste xeito, temos abordado dúas historias vinculadas có Nadal nesta comarca e cuxo punto en común é garantir que a vida prosiga de cara ós tempos vindeiros; asegurándoa para que ningún contratempo poda arruinala.

Con estes rituais e crenzas que se asoman dende o pasado, xa só nos queda desexarvos un Bo Nadal e un Feliz Aninovo a todos e a todas.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …