Dous ilustres autores do XVI gaban a ponte medieval eumesa

José Fonte Sardiña

O licenciado Bartolomé Sagrario de Molina, no século XVI, na súa Descripción del Reino de Galicia, conta nunha oitava como era a ponte mandada construír na nosa vila de Pontedeume por Fernán Pérez de Andrade o Bo no XIV: “Tomada ocasión de aquello del Sil, / notad otra puente de gran maravilla / que llega a tener de largo una milla / contada por pasos que pasan de mil / sobre sus arcos de piedra y sotil / que son Puentesdeume aquesta que digo. / No siento a la prueba hallarse testigo / que diga haber visto tal cosa gentil”.

Logo, xa en prosa e máis polo miúdo, explica tamén, e nos traducimos, que “con moita razón cómpre facer conta e poñer en memoria esta insigne ponte, cuxa longura non penso que se poida atopar en España. Ten mil douscentos pasos e, considerando que as que noutros reinos se gaban por moi longas non chegan aos catrocentos, é de ver a excelencia e grandeza desta. Atópase nunha ría a dúas légoas do mar sobre os seus arcos de xentil edificio, é cousa de estimar. Está cabo dunha vila que toma o nome da mesma ponte […]. Esta vila das Pontes de Eume […] é un pobo de tanta frescura de árbores e tan deleitable asento e vista, que ben se pode chamar o verxel de Galicia” (Parrilla (ed.): Descripción del Reino de Galicia por el licenciado Molina, Santiago de Compostela, 1998, p. 80 e 111) (Debuxo de Fernando Sarmiento).

Nesas mesmas datas, o peregrino polos Camiños de Santiago Bartolomeo Fontana dicía que “ao entrar por Pontedeume pasei unha longa e moi antiga ponte de pedra, que sustentaba moitos arcos e que cruza un porto. Na miña vida non vin unha tan longa en país ningún nin a puido ver ninguén; no medio dela hai un hospital que alberga peregrinos” (tomado e traducido de Macedo Cordal: “Las peregrinaciones italianas a Santiago. Sinopsis del relato de Bartolomeo Fontana”, en Breixo Rodríguez, López Calvo, Macedo Cordal e Sáez Taboada: Pontedeume, vila e ponte no Camiño a Santiago, Pontedeume, 2004, p. 93) (Debuxos Fernando Sarmiento e M. Marín).

Desde aquela, a vella ponte rehabilitouse ao longo da súa historia moitas veces ata que en 1867 foi demolida para levantar unha nova de once arcos cos materiais da antiga, que estaba rematada en 1870; previamente, entre febreiro de 1861 e decembro de 1862, se fixera unha provisional de madeira para non deixar incomunicados os territorios divididos polo río Eume.

A construción dunha nova ponte, agora de quince arcos, foi realizada entre 1884 e 1888, por mor da desfeita causada por unha riada. Na década de 1970, foi demolido o peitoril de cantería e substituído por un de formigón armado e, cando xa corrían os oitenta, foi reformada a parte correspondente ao concello de Cabanas e perpetrado o “tambricidio” para facer unha estrada que unise a ponte co piñeiral da praia da Magdalena, o que eliminou, para desgusto dos eumeses, que considerabamos noso este enclave que oficialmente sempre pertenceu ao concello de Cabanas, a popular praia do Tambre.

Na actualidade, a ponte está ben conservada e mantén os quince arcos.

 

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …