A carreira de San Xiao celebrarase o domingo 19 e pasará por primeira vez pola praza de Armas do Arsenal

Antonio Golpe e Eva Martínez Landeira en rolda de prensa | Concello de Ferrol

A carreira popular de San Xiao, sobre unha distancia de 10.000 metros, celebrarase o próximo domingo, 19 de xaneiro. Esta mañá, o concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, presentoulles aos medios a proba, que organiza o Concello de Ferrol. Foi durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado pola secretaria da delegación ferrolá da Federación de Atletismo, Eva Martínez Landeira.

Golpe destacou que o percorrido deste ano, no que se chega á 37.ª edición, presenta grandes atractivos, xa que, tras a saída do barrio de Esteiro, os participantes entrarán no Arsenal a través da porta do Dique, e sairán pola zona da Cortina, para a continuación subir por San Francisco e pasar, en zigzag, polas rúas da Magdalena antes de volver ao punto de inicio en Esteiro. Esta é a primeira vez que a carreira pasará pola Praza de Armas do Arsenal, algo que o edil lle agradeceu á Armada pola súa inestimable colaboración. Tamén lles dedicou palabras de agradecemento aos voluntarios que prestarán a súa axuda (integrantes de Protección Civil, de Triatlón Ferrol, do Club Ciclista Ferrol e de Héroes del Viento) e Coca-Cola e Gadis como patrocinadores. Tamén á Universidade da Coruña pola súa colaboración.

O tramo que une Galiano e Dolores reabrirase para a fin de semana

O percorrido da carreira inclúe tamén o paso polo tramo que enlaza as rúas Galiano e Dolores na Praza de Armas, polo que esta fin de semana permanecerá aberto e pechará de novo o próximo luns.

O concelleiro Antonio Golpe destacou que o paso polo Arsenal “supón un aliciente máis para os participantes” porque poderán “percorrer unha parte da cidade descoñecida para moitos ferroláns”.

Pola súa banda, Eva Martínez Landeira mostrou o seu agradecemento ao Concello de Ferrol e invitou aos ferroláns a participar nunha carreira na que “esperamos podan acompañarnos tamén os corredores Jonathan Fernández e Paula Bayobre”.

A San Xiao 2020 constará de cinco categorías. A sub-8 (nados no 2013/2014) percorrerá unha distancia de 200 metros a partir das 10.40 horas. A lonxitude que cubrirán dende as 10.25 os participantes na sub-10 (2011/2012) será de 800 metros, mentres aos sub-12 (2009/2010) e sub-14 (2007-2008) corresponderanlles 1.000 metros, que iniciarán ás 10.00. Os sub-16 (2005/2006) e os sub-18 (2003/2004) percorrerán xuntos a partir das 11.10 unha distancia de 2.000 metros. A entrega de premios está prevista para as 12.30, se ben non comezará ata que chegue o último participante. O control de chegada pecharase unha hora despois de que entre na meta o primeiro clasificado, e cando un atleta exceda o tempo previsto será avisado para que suba ao coche oficial que pecha a carreira.

Todas as categorías terán a saída e a meta nas inmediacións do pavillón polideportivo de Esteiro, no que haberá servizo de duchas e gardarroupa. No caso da absoluta, comezará ás 11.00 horas, que se dividirá en sub-20 (2001/2002), sub-23 (1998-2000), sénior (1985-1997), máster A (1979-1984), máster B (1970-1978), máster C (1960-1969), máster D (1959 e anteriores), cadeira de rodas, handbike e invidentes. Estas tres últimas considéranse categorías non oficiais da Federación Galega de Atletismo.

Inscrición e retirada de chips e dorsais

As inscricións pódense efectuar a través da páxina web www.ranck.com. Está previsto que o prazo remate o xoves 16, aínda que hai un límite de participantes, polo que podería pecharse antes. Hai un máximo de 1.000 dorsais para as categorías absolutas e de 500 para as menores. A retirada dos chips e dos números efectuarase no pavillón da Malata o venres 17 entre as 16.30 e as 20.30 horas e o sábado de 9.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30. O domingo será de 8.00 a 10.30 no de Esteiro.

Dende a concellería de Deportes recoméndase aos participantes que, con anterioridade á proba, efectúen un recoñecemento médico específico e que teñan feito un adestramento axeitado para as características desta competición.

Quecemento cos expertos

Pouco antes de comezar a carreira, ás 9.30 horas, membros do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia realizarán no pavillón de Esteiro un quecemento de acceso libre para todos os participantes.

Lea también

Inscrición aberta en Narón na “I Liga de verán base Santa Icía”

O concelleiro de Deportes presentou este luns 15 a “I Liga de verán base Santa …