Ángel Mato presenta os actos que inician a conmemoración a Concepción Arenal no bicentenario do seu nacemento e a Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas

Ángel Mato na presentación dos actos homenaxe a Concepción Arenal e Carvalho Calero | Concello de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá os actos que o Concello ten programados para conmemorar a dous importantes escritores ferroláns, como son Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas 2020, e Concepción Arenal, cuxo bicentenario do seu nacemento celebrarase o próximo 31 de xaneiro.

O rexedor anunciou que o próximo 24 de xaneiro, ás 19 horas, o Concello inaugurará no centro cultural Torrente Ballester “Imaxe de cen anos”, unha exposición sobre o escritor Carvalho Calero que dará comezo aos actos institucionais programados na memoria do “noso escritor”. A mostra, que poderá visitarse ata o día 31 de maio, contará, adiantou o alcalde, con máis de 30 primeiras edicións do autor, varios dos seus obxectos da súa vida persoal e académica tales como un dos seus reloxos de pulseira e outro de peto. Na presentación da exposición, Mato mostrou outro elemento relevante na vida do escritor, “o seu bastón orixinal, que utilizou durante moitos anos da súa vida”, dixo con el na man. No Torrente tamén poderá verse “o seu calzador, a súas medallas de cátedra e a de membro da Real Academia Galega, o seu barrete e numerosas placas de recoñecemento a súa figura”, detallou Mato, quen agradeceu a súa familia a colaboración “para poder celebrar una exposición digna como a súa figura merece”. Ademais, Mato anunciou que, tal e como se aprobou no pleno, “convocarase unha mesa para que todas as entidades interesadas na súa figura podan participar na súa homenaxe”.

Ofrenda floral e placa por Concepción Arenal

Respecto á outra figura que cobrará protagonismo este ano, a escritora Concepción Arenal, o alcalde anunciou que o 31 de xaneiro, cando se cumpren 200 anos do seu nacemento, terá lugar as 12.30 horas unha ofrenda floral no monumento que lle rende homenaxe na avenida de Esteiro. Pola tarde, ás 18.30 horas, descubrirase unha placa na
súa casa natal, no número 177 da rúa Real, que “creemos imprescindible para rememorar á veciña más ilustre que temos na cidade”. Unha hora máis tarde, ás 19.30 horas, a profesora e escritora Anna Caballé Masforrol, presidenta da asociación Clásicas e Modernas e recente Premio Nacional de Historia pola súa obra Concepción Arenal. La caminante y su sombra, ofrecerá unha conferencia no salón de actos de Afundación, na Praza da Constitución. A relatora “recolle moitos momento da vida da escritora ferrolá”, dixo o alcalde, tamén “á influencia que autora tivo na cidade e tamén a influencia da súa propia familia”, sinalou o rexedor, quen anunciou que ao longo do ano haberá moitas máis actividades que, dixo, “poñerán a estas dos figuras no lugar que merecen”.

O pleno recorda a súa labor social

Ángel Mato tamén anunciou esta mañá que no pleno deste mes, que terá lugar o día 30, intervirá Emiliana Vicente González, presidenta do Consejo General del Trabajo Social para recordar a labor social no ámbito penitenciario desenvolvida pola escritora Concepción Arenal.

Lea también

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son …