O alcalde e os concelleiros Golpe e Deus viron no Torrente a exposición “Vidas”, de Gabriel Tizón, que xa supera o medio milleiro de visitas

Ángel Mato, Antonio Golpe e María Teresa Deus visitando Vidas | Concello de Ferrol

O alcalde, Ángel Mato, e os tenentes de alcalde, Antonio Golpe e María Teresa Deus, visitaron esta mañá o Centro Cultural Torrente Ballester para cotemplar as obras que forman a exposición Vidas, do fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón. Ata o momento, máis de medio milleiro de persoas pasaron por esta mostra, que aínda permanecerá aberta ata o sábado 15 de febreiro e en torno á que o propio autor ten ideado varias actividades en datas próximas, ao seu regreso a Ferrol tras estar preparando estas últimas semanas novos traballos no estranxeiro.

Mato dixo tras o percorrido que se trata dunha exposición que “é imprescindible visitar”, posto que, ademais de destacar pola súa calidade, serve para “remover as conciencias”. Recomendouna “especialmente para a xente máis nova”, para que poida ter unha visión máis próxima do “drama das migracións” e sentir empatía.

Vidas recolle imaxes captadas en máis de 40 países. Céntranse en persoas que viven “en condicións que ningún ser humano debería vivir”, segundo Tizón. Dentro destes “inocentes”, pousa a súa mirada especialmente nos nenos e nas nenas. Este traballo serve para “recordar e amosar á cidadanía que existen” e tamén para “loitar contra a tortura do olvido”.

A exposición consta de 60 fotografías de 60×40 centímetros e 6 máis de gran formato, de 200×150 centímetros. Ademais, inclúe a exhibición do documental O silencio das persoas refuxiadas, realizado por Tizón na chamada ruta dos Balcáns ao longo dos tres últimos anos. É gratuíta e está aberta ao público en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 de martes a sábado, e de 11.00 a 14.00 os domingos e festivos (luns, pechado). Para organizar visitas para grupos hai que consultar no Centro Cultural Torrente Ballester.

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …