O Concello de Ferrol acolle a primeira reunión da comisión de seguimento da cátedra de xestión de emerxencias e protección civil

Reunión da cátedra de xestión de emerxencias | Concello de Ferrol

O pazo municipal de Ferrol acolleu esta mañá a primeira reunión da comisión de seguimento da cátedra de xestión de emerxencias e protección civil despois de que o pasado 11 de novembro a Mancomunidade de Concellos da Comarca e a Universidade da Coruña firmaran un convenio para a súa creación. Estiveron presentes o alcalde de Ferrol e presidente da entidade, Ángel Mato, e Marián Ferreiro, rexedora de Narón e vicepresidenta.

A creación desta cátedra parte da necesidade por parte dos profesionais e técnicos, a nivel local, de unificar coñecementos e criterios e dispoñer de documentación científica sobre emerxencias e protección civil que os axude na súa labor, por exemplo, á hora de elaborar ordenanzas municipais ou protocolos de actuación ante determinadas situacións. A idea xurdiu de técnicos municipais dos concellos de Ferrol e Narón, pero a intención desde o primeiro momento é sumar a todos os que estean interesados. De aí que se canalice a través da Mancomunidade, que contribuirá á cátedra cunha achega de 20.000 euros anuais.

O convenio inclúe unha comisión de seguimento que está composta, por parte da Universidade, polo vicerreitor de Política Científica, Salvador Naya Fernández; o decano da Facultade de Ciencias do Traballo, José Luís López Fernández; o coordinador do Mestrado de Prevención de Riscos Laborais, Moisés Alberto García Núñez, e o coordinador da materia de Protección Civil do mestrado. Por parte da Mancomunidade figuran o seu presidente, Ángel Mato Escalona; a vicepresidenta, Marián Ferreiro Díaz; un técnico de Narón, Rafael Pazos Louro, e un técnico de Ferrol, Santiago Troitiño. Moisés Alberto García Núñez é o director da cátedra, que conta cun organismo de xestión e cun comité asesor técnico.

Áreas de traballo e actividades

As áreas de traballo son as de protección civil, que se centran nos protocolos ante fenómenos meteorolóxicos adversos e os modelos de xestión de seguridade de praias; a de espectáculos públicos e actividades recreativas, para activación de investigación arredor da xestión de seguridade nos espectáculos públicos, e a autoprotección escolar, coa edición e difusión da unidade didáctica dos “coles seguros” entre os centros públicos da comarca.

A cátedra programará unha serie de actividades e publicacións, como a edición de investigacións, dentro das que se pretende comezar pola mencionada unidade didáctica de “coles seguros, o protocolo de actuación ante fenómenos meteorolóxicos adversos e unha guía práctica para praias seguras. Por outra banda, organizará xornadas de divulgación para darlles difusión ás investigacións da propia cátedra. Tamén contactará con entidades para dar a coñecer a súa existencia e establecer posibles vías de investigación. Por último, creará un premio de traballo fin de grao e fin de máster para acadar o asentamento da cátedra no ámbito universitario.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …