O Concello recoñecerá a labor de Dolores Álvarez Díaz na gala que se celebrará no Jofre con motivo do Día da Muller

O Concello de Ferrol homenaxeará este ano coa entrega do galardón do 8 de Marzo, Día da Muller, a Dolores Álvarez Díaz, xefa do servicio de Oftalmoloxía no hospital Arquitecto Marcide. Así se decidiu no Consello da Muller celebrado onte e na comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico que tivo lugar esta mañá no pazo municipal. A edil da área, Cristina Prados, resaltou que é “un merecido recoñecemento polo seu excelente traballo e os seus logros na área sanitaria de Ferrol”. É un “referente a nivel nacional” e unha traballadora “incansable”, engadiu, “e os nosos ollos teñen moito que agradecerlle”.

Álvarez Díaz é asturiana e chegou a Ferrol no ano 1994 como doutora en Medicina pola Universidade de Santiago. Catro anos despois xa era xefa de sección de Oftalmoloxía e en 2014 converteuse en xefa do servizo, cargo que ocupa actualmente. Puxo en marcha a primeira unidade multidisciplinar de uveítis de Ferrol e contribuíu á implantación en once centros de saúde da comarca da retinografía, unha proba diagnóstica que explora o fondo do ollo. Tamén impulsou a unidade Dacrois para a detección de problemas nos lacrimais e creou un espazo técnico común de traballo entre os servizos de oftalmoloxía e otorrinolaringoloxía. É membro das sociedades galega, española e francesa de Oftalmoloxía e tamén da Sociedade Española de Ciruxía Oculoplástica e Orbitaria.

Actualmente lidera un equipo de 14 profesionais. “É unha honra poder contar cos seus servizos en Ferrol”, explicou Prados, e resaltou que co seu traballo, Álvarez Díaz “conseguiu que non teñamos que ir a outra cidade para resolver problemas nos ollos”. A gala celebrarase o 6 de marzo pola tarde no Teatro Jofre e contará coa actuación da cantante Guadi Galego e cunha representación teatral.

Mesa local cotra a violencia de xénero

A concelleira de Muller e Igualdade tamén deu conta na comisión de hoxe do resultado do curso de formación solicitado pola concellería da Muller do Concello de Ferrol á Secretaría Xeral de Igualdade no mes de outubro co obxectivo de preparar aos integrantes da que será a primeira Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de Xénero de Ferrol. A creación do novo órgano responde á intención municipal de facilitar a distribución dos recursos na prevención e tratamento das situacións de violencia de xénero. O taller tivo lugar os días 12 e 19 de decembro e acudiron máis de 20 axentes implicados, entre elos varios concelleiros do goberno local e representantes de numerosas asociacións e dos grupos políticos da oposición.

A concelleira Prados propón que a nova mesa local, que deberá aprobarse en pleno, reúnase cada tres meses ou con carácter urxente sempre que a situación o requira e traballe tanto de forma conxunta con todos os axentes implicados como a través de comisións, unha para tarefas de intervención e outra orientada na sensibilización, prevención e detección de casos.

Integrantes do Consello Sectorial de Benestar Social

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, deu conta na comisión de hoxe das entidades que solicitaron a súa integración no Consello Sectorial de Benestar Social: Alcer, Cogami, Dignidad, Movilidad Humana, ASCM, Secretariado Gitano, Salud Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Acción Familiar Ferrol, e a Asociación Diabetes Ferrolterra e un particular. A concelleira explicou que tras constitución provisional do consello, a concellería estudiará a posibilidade de ampliar o número de integrantes.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …