Medio século do Club Balonmán Pontedeume

José Fonte Sardiña

Os da pasada fin de semana foron días moi grandes para Pontedeume e para todos os eumeses, non só os vilanchos coma min, senón tamén os das parroquias de Andrade, Ombre, Nogueirosa, Breamo, Vilar, Centroña e Boebre, e mesmo diría que para os irmáns e veciños de Cabanas e da bisbarra, pois o noso club de balonmán celebrou as súas vodas de ouro, medio século de vida. Por certo, que marabilla de cartel fixo Sandra Sarmiento para a ocasión.

Cando Manuel Bouza tivo a xenerosidade de pedirme que preparase unha pequena intervención sobre o deporte en Pontedeume nun dos actos da celebración destes cincuenta anos de existencia do club, o primeiro que pensei foi que tería que ser el e non eu o que o abordase, pero, como onde hai patrón non manda mariñeiro, metín humildemente os estrobos nos remos, armeinos nos toletes e boteime a vogar, coa emoción e o orgullo no corazón e a lembranza, en cada palabra, do meu pai, que amaba esta entidade con verdadeira paixón.

O balonmán era un deporte moi practicado en Pontedeume mesmo antes da fundación do club hai cincuenta anos, con aqueles equipos que naceran xa en 1953 no colexio Luís Vives e competiran a nivel provincial, e que logo xogaban partidos de veteranos sendo eu un neno, nos que participaban o meu pai Pepe Fonte, o meu sogro Pepucho Díaz

Placer e o seu irmán David, o meu veciño Benito Bujía, Carlos Vázquez, Pahíño, Tino o
Cañón, Xenaro, Agustín, Juan Sarmiento, Belarmino, Cendón, Javier de Castro…

A xerra que o meu pai me regalara cando casei, co escudo da Sociedade Deportiva
Eumesa e do Eume Deportivo está presente sempre na miña mesa de traballo e faime
lembrar acotío aquel equipo de balonmán do noso club que eu ía ver, desde os cinco
anos, os domingos pola maña á Poli, dirixido polo meu querido Carlos Vázquez, que
sempre foi punteiro e contaba con grandes xogadores como o alcalde Belarmino,
Agustín ―que marcou o primeiro gol da historia do club―, Salvadores, Urbano, Toñín,
os irmáns Regueiro, José, José María, Chema, Javier de Castro, Santi o Moco, Xenaro,
Juan, Ramón, Manuel Bouza e tantos outros.

Tiñan ademais un equipo feminino que dirixía o meu veciño Xosé Andrés López Leira.
Logo collería o temón como adestradora das rapazas Chata Lapique, que antes fora
xogadora.

No ano 1975 fichei polas categorías inferiores do Eume, cando os equipos de fútbol e
balonmán eran parte da mesma entidade deportiva. O presidente Tucho Díaz Deus,
Xosé Pereira, Xosé Andrés López Leira ―que dirixía a sección de balonmán―, o meu
pai, José Manuel Carpente Castro o Carrancho, Pedro Villar, Carmiña Beceiro ou Tito
Ríos e Pepito Bouza Faraldo ―que foron os dous tamén delegados do equipo de
balonmán―, Andrés Martiño, Ramiro Sarmiento, Luis o Ramallo, Antonio o de Ombre, Manuel Bouza e tantos outros regalaban unha boa parte da súa vida para que nós puidésemos facer deporte en Pontedeume nuns tempos nos que a sociedade non nos ofrecía tantas oportunidades e medios coma hoxe.

Alí aprendemos os mellores valores do deporte, como son a solidariedade, o
compañeirismo, a amizade, as ansias de superación, a constancia, a xenerosidade, a
honradez, a honestidade, o amor á nosa camiseta e ao escudo que representabamos, o
sacrificio para acadar as metas, poñer as nosas virtudes ao servizo do grupo, saber gañar e perder, ou o respecto aos adestradores, rivais, espectadores, directivos, compañeiros e árbitros.

No ano 1988 separáronse as dúas seccións e o club de balonmán pasou a chamarse A.
D. Couceiro Freijomil, baixo a presidencia de Ignacio Dosil ―aquel noso mestre
humanista que nos aprendía a historia de Pontedeume coma se fose un conto―, e logo
en 1993, co tamén mestre Juan Sarmiento como presidente ―a quen o seu alumno en
Sillobre Ramón Loureiro describe, en “Al Rey de los Ángeles”, ao meu ver con moito
agarimo e precisión, como unha persoa intelixente, bo guitarrista e de humor moi fino,
amén de excelente debuxante―, continuou o camiño como Club de Balonmán
Pontedeume, que na actualidade segue co primeiro equipo en Primeira Provincial e fai
tamén un gran traballo coa canteira, presidido por Óscar Allegue Iglesias.

Moi felices vodas de ouro para o Club Balonmán Pontedeume e que os que vivan
daquela ―eu estarei xa criando vermes en Porto― poidan celebrar dentro de cincuenta
anos o seu primeiro centenario.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …