A Concellería de Cultura de Ferrol presenta as bases do Premio Internacional de Gráfica, Máxima Ramos 2012

O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, presentou en comisión informativa as bases do XXII Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2012 para que os grupos municipais acheguen as súas propostas antes da súa aprobación. García Hurtado explicou que, tal e como se recolle na proposta de bases reguladoras,  este certame de gravados de periodicidade bianual ten por obxectivo fomentar e impulsar a arte gráfica dende unha perspectiva actual de arte múltiple e seriada. Así mesmo, o edil destacou que esta convocatoria constitúe unha oportunidade para a consolidación e enriquecemento dos fondos gráficos do Centro Torrente Ballester do Concello de Ferrol.

O Máximo Ramos concederá un premio único valorado en 7.000 euros ao artista que resulte gañador. Así se recolle na proposta inicial da que esta mañá informou o titular de Cultura aos grupos políticos. Segundo estas bases do concurso, que deberán ratificarse en comisión de Cultura e posteriormente en pleno, poderán participar no certame artistas de calquera nacionalidade e país de residencia. Ademais, este premio internacional está aberto a todas as técnicas gráficas tradicionais ou experimentais, incluídas as dixitais e os monotipos, con intervencións directas ou combinadas con calquera outro procedemento. Admítense polípticos, obras seriadas, probas únicas, variacións, etc. Así mesmo, as condicións técnicas de participación establecen que cada participante enviará de dúas a seis obras pertencentes a unha mesma familia, ou unha serie única formada por varias pezas. Non poderán concorrer ao premio os gañadores das cinco convocatorias anteriores e non se admiten a concurso obras galardoadas noutros certames nin realizadas antes de 2007.

No que atinxe á preselección de  candidatos, esta permanecerá aberta do 30 de marzo até o 15 de maio. Neste período de tempo os creadores interesados en participar teñen que enviar o formulario do certame debidamente cumprimentado: fotografías das obras en formato jpg (de 500 kb a 1 mb máximo cada unha) e nos pés de foto indicarase: apelidos e nome, xunto co número da obra correspondente á lista do formulario; un currículum resumido e unha breve explicación das obras en galeo, castelán, inglés ou francés (todo nun máximo de dúas páxinas); e tamén se indicará se as obras presentadas son únicas ou editadas e si se poden editar. Toda esta documentación haberá de ser enviada ao seguinte enderezo electrónico: premiomr@centrotorrenteballester.com. A decisión comunicaráselles por correo electrónico a todos os candidatos antes do 30 de maio. Unha comisión formada por tres persoas especializadas será a encargada de determinar as obras preseleccionadas, que deberá chegar ao Centro Torrente Ballester antes do 2 de xullo.

Galardón e exposición

O xurado que elixirá ao autor gañador deste XXII Premio Internacional de Gravado Máximo Ramos estará composto por un presidente, que será o alcalde ou concelleiro/a en quen delegue, ademais dun secretario/a que actuará con voz pero sen voto, e tres vogais, seleccionados entre personalidades de recoñecido prestixio no campo das artes. Este xurado, ademais de  designar ao creador premiado, elixirá as obras para a exposición e o catálogo.

As obras seleccionadas exporanse do 27 de xullo ao 6 de outubro, e editarase un catálogo coas mesmas. Os traballos pasarán a formar parte dos fondos do Centro Torrente Ballester.

Novo ciclo de cine

Por outra banda, o edil delegado de Cultura deu conta dos novos ciclos de cine en Versión Orixinal Subtitulada (VOS) que o Concello de Ferrol ten programados. As proxeccións fanse nos Cines Dúplex, situados no barrio de Esteiro, e a entrada é gratuíta para o espectador.

Así, durante o presente mes de febreiro e en marzo estase a desenvolver un ciclo de cine clásico. As dúas primeiras sesións tiveron lugar os pasados mércores 1 e 8 de febreiro, co pase en VOS das longametraxes “La ley del silencio”  (Elia Kazaán, 1954) e “Vacaciones en Roma” (Willyam Wyler, 1953). “Ciudadano Kane”, de Orson Welles (1941); ou “El Padrino”  (1972) e “El Pafrino II” (1974), de Francisco Ford Coppola, son algunhas dos grandes filmes que se poderán ver de maneira gratuíta nos Dúplex grazas a este ciclo de inverno organizado pola Concellería de Cultura.

Esta programación de cine en VOS complétase con outros dous ciclos, o de primavera e outono. O primeiro deles, en maio e xuño, está dedicado á filmografía de Alfred Hitchcok; e o segundo, que se desenvolverá en outubro e novembro, ao cineasta Woody Allen.

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …