Un total de oito comparsas participarán este sábado no Festival do Entroido organizado polo Padroado da Cultura de Narón

Un total de oito comparsas daranse cita este sábado, día 22, no Festival de Entroido organizado polo Padroado da Cultura de Narón. Así o anunciou a alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, que indicou que das oito, cinco son de Narón e as tres restantes doutros concellos da comarca. Ferreiro avanzou que da cidade participarán as formacións Os Argalleiros, da Gándara; Viagem ao Povo Inuit (Semente de Trasancos), de San Mateo; Troupele, Troupele, tamén da Gándara; Os Parrandolos, de Piñeiros, e Os Colludos (Asociación Cultural ASCM), da Solaina e de fóra de Narón sumaranse á convocatoria as comparsas A Canteira, de Neda; Os Trastos, de Valdoviño e A Revolta, de Ferrol.

O sábado ás 17.00 horas as oito comparsas concentraranse na Praza da Gándara, para saír ás 17.15 horas dende aí cara á pista polideportiva da Solaina, percorrendo as rúas Vigo, Wenceslao Fernández Flórez, as estradas da Trincheira e da Gándara e as avenidas de Santa Icía e A Solaina, coa previsión de iniciar ás 18.00 horas as actuacións das formacións na pista polideportiva da Solaina, donde se instalará unha gran carpa. A formación Inventi Teatro será a encargada de presentar o festival, no que actuará tamén a banda musical Los Mecánicos.

Cada unha das comparsas disporá dun prazo de dez minutos para interpretar o seu repertorio –en galego e sobre temas locais- e as cinco participantes de Narón deben facer unha actuación na súa parroquia e noutra da cidade, no caso de ser posible cun percorrido pola mesma. O Padroado da Cultura realizará unha achega económica de 800 euros para cinco comparsas da cidade que poderá incrementarse en 100 euros máis se participan no programa de dinamización hostaleira e do comercio locais, e de 400 para as tres de fóra de Narón, tal e como se recollía nas bases da convocatoria.

O Festival de Entroido de Narón repartirá varios premios, que no caso das comparsas serán tres figuras en recordo do Día do Entroido para as que reciban a mellor puntuación do xurado, que valorará a orixinalidade dos seus disfraces, o enxeño na crítica feita na actuación, a calidade musical e o que cada unha das actuacións supoña de recuperación do Entroido en Galicia.

En canto ao público que asista disfrazado, optará tamén a premios para os mellores disfraces individuais, de parellas e de grupos. Para poder participar no concurso de disfraces as persoas interesadas deberán anotarse o propio sábado na pista polideportiva da Solaina. Os premios para os adultos serán cestas con produtos de Entroido e, no caso dos menores, libros e entradas para algún espectáculo do Pazo da Cultura.

Ferreiro agradeceu a implicación das comparsas que participarán este ano no Festival do Entroido e que amenizarán coas súas cancións e música as rúas da cidade durante o sábado e tamén nalgúns casos noutras xornadas desta festividade. Así mesmo, animou ás veciñas e veciños da cidade e tamén doutros concellos a acudir o sábado á cita para poder desfrutar da celebración e tamén poder conseguir algún dos premios dirixidos ao público polos seus disfraces.

Lea también

O Concello de Narón habilita un área de aseo para os transportistas no estacionamento de camións de Río do Pozo

O Concello de Narón ultima os traballos que permitirán poñer en marcha, previsiblemente este martes …