O Concello celebrará o 8M con sesións de microteatro, música, un ciclo de charlas e a celebración da tradicional gala no Teatro Jofre

Cristina Prados presentando os actos do 8M | Concello de Ferrol

A concelleira Cristina Prados presentou esta mañá na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico os actos previstos polo Concello de Ferrol para celebrar o 8M, Día da Muller, baixo o lema “Por todas, é tempo das mulleres”.

A edil anunciou que o día 6 de marzo celebrarase ás 11.30 horas no monumento de Concepción Arenal a Pérgola do recordo, unha plantación dunha roseira por cada unha das mulleres asasinadas no que vai de ano. Pouco tempo despois, ás 11.50 horas, colocarase a bandeira feminista no balcón do Teatro Jofre.

Pola tarde, ás 20 horas, o Teatro Jofre acollerá a XII Gala institucional polo Día da Muller, na que se entregará un galardón á oftalmóloga Lola Álvarez Díaz. A asturiana chegou a Ferrol no ano 1994 como doutora en Medicina pola Universidade de Santiago. Catro anos despois xa era xefa de sección de Oftalmoloxía e en 2014 converteuse en xefa do servizo, cargo que ocupa actualmente. Puxo en marcha a primeira unidade multidisciplinar de uveítis de Ferrol e contribuíu á implantación en once centros de saúde da comarca da retinografía, unha proba diagnóstica que explora o fondo do ollo. Tamén impulsou a unidade Dacrois para a detección de problemas nos lacrimais e creou un espazo técnico común de traballo entre os servizos de oftalmoloxía e otorrinolaringoloxía. É membro das sociedades galega, española e francesa de Oftalmoloxía e tamén da Sociedade Española de Ciruxía Oculoplástica e Orbitaria. Na
gala representarase o microteatro Isto tráeme recordos dos meus vermes de seda, de Helga Méndez, e actuará a artista galega Guadi Galego, quen o 14 de marzo recibirá o galardón Muller da Vila de Cedeira. As entradas para acudir á gala son gratuítas e poderán retirarse no despacho de billetes do Teatro Jofre a partir do venres 28 de febreiro.

O día 7 achegarase a celebración á cidadanía co espectáculo de animación Acción na rúa “As Violetas” e a instalación de carpas en seis zonas da cidade: Cruceiro de Canido, centro cívico de Caranza, Praza de Ultramar, Praza Vella, Praza de España e Esteiro. As actuacións terán lugar pola mañá e pola tarde. Ese mesmo día, ás 17 horas, celebrarase o concerto “Por todas, é tempo das mulleres” na Praza de Amboage coa actuación do cuarteto de corda Aquelas e a rondalla Só Elas. Pola tarde, ás 19 horas, comezará no Antigo Hospicio o ciclo de charlas Mulleres e Sociedade coa colaboración da asociación Fuco Buxán. A primeira será sobre Muller e Comunicación. Ao longo dos próximo meses celebraranse tres máis sobre Xustiza Patriarcal, Urbanismo Feminista e Economía e Xénero.

Por último, a concelleira anunciou que tamén está prevista a inauguración da sala Concepción Arenal na Casa da Muller, na que se colgarán ilustracións de seis mulleres relevantes: Ángeles Alvariño, Ángela Ruíz Robles, Amada García, Hildegard, Antonia Alarcón e Concepción Arenal. Ao longo do presente ano a nova sala acollerá charlas sobre a vida e obra de ditas mulleres. Cristina Prados tamén presentou na comisión de hoxe a proposta de declaración institucional do vindeiro 8 de marzo, que deberá aprobarse no pleno.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, deu conta na comisión das achegas ao prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo de axuda no fogar. A edil explicou que incluiranse máis do 50% das suxerencias da oposición e nos próximos días enviará o documento a Contratación.

Lea también

Desvíos de tráfico de las obras de humanización de la FE-14 Ferrol

El Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible avanza en la ejecución de las obras de …