O Concello consegue que a planta de transferencia de Sogama permaneza aberta toda a fin de semana para que descarguen os camións de Ferrol

A planta de transferencia que Sogama ten no polígono naronés de Río do Pozo permanecerá aberta os domingos o tempo suficiente para que os camións da recollida de residuos sólidos urbanos de Ferrol poidan descargar nela. Así o acordaron a concelleira de Servizos, Obras e Medio Ambiente, Ana Lamas, e a dirección da empresa pública tras unha negociación na que a edil expuxo que para a cidade é imprescindible poder depositar os residuos os domingos para poder prestar un servizo adecuado aos veciños.

A Sociedade Galega do Medio Ambiente tiña tomada a decisión de pechar as instalacións o último día da semana, entendendo que esa medida non afectaría ao funcionamento da recollida de lixo nos municipios da comarca. Sen embargo, no caso de Ferrol, polo volume de habitantes da cidade, faise imprescindible ter acceso á planta de transferencia tamén ese día.

Lamas, que explicou este acordo na reunión ordinaria da Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación que se celebrou esta mañá na sala de comisións do pazo municipal, indicou que Sogama “tivo moi boa disposición” á hora de atender a petición e alterar a súa planificación, cousa que lle agradeceu. A edil tamén informou da campaña de podas que se está a levar a cabo en diferentes puntos da cidade e de que proximamente se rozará o talude das Pías.

Novos policías

Pola súa banda, o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, deu conta da próxima incorporación dos axentes que pasarán a formar parte do cadro de persoal da Policía Local. Segundo explicou, neste momento o Concello está pendente de que a Academia Galega de Seguridade Pública lle comunique o nome dos seleccionados, que tomarán posesión a próxima semana, co que se dará un gran paso de cara á solucionar o déficit de efectivos que neste momento ten o corpo.

O edil tamén ofreceu detalles do proxecto de renovación do mercado da Magdalena que está a preparar o Concello, unha iniciativa que neste momento se atopa en proceso de elaboración dos pregos para a súa contratación e que está presupostada en 300.000 euros.

Está previsto que a obra se desenvolva en torno a tres eixos, que son a reparación de cubertas, a substitución de carpinterías exteriores e o tratamento das fachadas. A primeira parte consistirá na actuación sobre o tellado da cuberta principal, coa limpeza de canles e a aplicación de pinturas de minio electrolítico e de sikalastic. Tamén se reparará a cuberta das escaleiras que conducen ás dependencias da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, co desmontado da impermeabilización adherida, a realización de taladro pasamuros, aplicación de enfoscado hidrófugo, a instalación de baixantes de aluminio, a impermeabilización, o emplastecido e aplicación de pintura plástica e a colocación dunha porta cortalumes.

En canto á carpintería exterior, levantaranse as lamas de vidro para substituílas por outras de aluminio lacado e reixas de ventilación, e poñeranse novos vidros. Por último, no referido ás fachadas, actuarase sobre elas con auga a presión, ao igual que nas terrazas, onde se aplicará pintura sikalastic e se retirarán as gravas das cubertas planas para a súa limpeza e reposición. Tamén se repararán as xuntas de dilatación.

Lea también

Aprobada en Ferrol la reparación de aceras en diversos puntos

La Junta de Gobierno Local ferrolano JGL dió luz verde al expediente de contratación de …