Mañá venres comeza o reparto das entradas de balde para a gala 8M no Teatro Jofre

Mañá venres, 28 de febreiro, comeza o reparto das entradas de balde para a XII Gala Institucional do Día Internacional da Muller. Baixo o lema “Por todas, é tempo das mulleres”, terá lugar no Teatro Jofre o día 6 de marzo ás 20 horas. Poden retirarse no despacho de billetes de martes a venres de 11 a 13 horas e de 18 a 20 horas. Sábados, domingos e festivos de función, abrirá pola mañá de 11 a 13 e pola tarde dende dúas horas e media antes do inicio da mesma.

Este ano o galardón do Día da Muller é para a oftalmóloga Lola Álvarez Díaz. A asturiana chegou a Ferrol no ano 1994 como doutora en Medicina pola Universidade de Santiago. Catro anos despois xa era xefa de sección de Oftalmoloxía do CHUF e en 2014 converteuse en xefa do servizo, cargo que ocupa actualmente. Puxo en marcha a primeira unidade multidisciplinar de uveítis de Ferrol e contribuíu á implantación en once centros de saúde da comarca da retinografía, unha proba diagnóstica que explora o fondo do ollo. Tamén impulsou a unidade Dacrois para a detección de problemas nos lacrimais e creou un espazo técnico común de traballo entre os servizos de oftalmoloxía e otorrinolaringoloxía. É membro das sociedades galega, española e francesa de Oftalmoloxía e tamén da Sociedade Española de Ciruxía Oculoplástica e Orbitaria. Na gala representarase o microteatro Isto tráeme recordos dos meus vermes de seda, de Helga Méndez, e actuará a artista galega Guadi Galego.

O día 7 achegarase a celebración á cidadanía co espectáculo de animación Acción na rúa “As Violetas” e a instalación de carpas en seis zonas da cidade: Cruceiro de Canido, centro cívico de Caranza, Praza de Ultramar, Praza Vella, Praza de España e Esteiro. As actuacións terán lugar pola mañá e pola tarde. Ese mesmo día, ás 17 horas, celebrarase o concerto “Por todas, é tempo das mulleres” na Praza de Amboage coa actuación do cuarteto de corda Aquelas e a rondalla Só Elas. Pola tarde, ás 19 horas, comezará no Antigo Hospicio o ciclo de charlas Mulleres e Sociedade coa colaboración da asociación Fuco Buxán. A primeira será sobre Muller e Comunicación. Ao longo dos próximo meses celebraranse tres máis sobre Xustiza Patriarcal, Urbanismo Feminista e Economía e Xénero.

Por último está prevista a inauguración da sala Concepción Arenal na Casa da Muller, na que se colgarán ilustracións de seis mulleres relevantes: Ángeles Alvariño, Ángela Ruíz Robles, Amada García, Hildegard, Antonia Alarcón e Concepción Arenal. Ao longo do presente ano a nova sala acollerá charlas sobre a vida e obra de ditas mulleres. Cristina Prados tamén presentou na comisión de hoxe a proposta de declaración institucional do vindeiro 8 de marzo, que deberá aprobarse no pleno.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …