O pavillón municipal Campo da Serra acollerá o IX Torneo Cidade de Narón de Esgrima Histórica

Daniel López, José Oreona e Ana María Vázquez presentando o torneo | Concello de Narón

O pavillón municipal de Campo da Serra acollerá o día 14 de marzo a novena edición do Torneo Cidade de Narón de Esgrima histórica. O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou o evento acompañado por Daniel López e Ana María Vázquez, vicepresidente e secretaria, respectivamente, da Asociación Naronesa de Esgrima Antigua (Anea), organizadora do evento en colaboración co Concello. A entidade apunta á participación de preto de medio cento de persoas neste torneo, para o que aínda está aberto o prazo de inscrición –ata este sábado, día 7, ás 14.00 horas- a través do correo electrónico: esgrimaantiguanaron@gmail.com.

Da entidade naronesa participarán unhas quince persoas, tal e como indicou López, que avanzou que o resto de participantes procederán de clubes de esgrima da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Madrid, Valladolid, Lisboa, Oporto e Asturias, entre outros. En canto ao desenvolvemento do torneo, que se disputará no formato mixto, o vicepresidente de Anea avanzou que ás 9.30 horas abrirán as portas para que os tiradores se vaian pertrechando e proceder á revisión do material e ás 10.15 comezará a disputarse a modalidade de Espada e Broquel; ás 12.15 horas o de Espada Longa e pola tarde, ás 16.30 horas, será o Torneo de Estoque (Roupeira). “Este é o segundo torneo continuado máis antigo de España”, recalcou o vicepresidente da entidade, que xunto coa secretaria subliñou que será puntuable para a Liga galega de HEMA, xunto cos torneos da Coruña, Lugo e Pontevedra, «o que supón un maior nivel”. López explicou que “é un torneo con armas antigas que será de entrada libre”.

Así mesmo, Ana María Vázquez destacou a importancia do evento “porque é unha disciplina que en España non se soe ver moito, que é un arte marcial en auxe no que se aprenden a manexar armas históricas como se facía na época”. Ademais, convidou ás persoas interesadas na esgrima histórica a acudir a algunha das sesións de adestramento de Anea, que teñen lugar os sábados, de 10.00 a 13.00 horas no Centro Cívico Social de Castro, en Narón.

“As persoas que acudan ao pavillón case terán un máster nesta modalidade deportiva que nos trasladará no tempo a outra época histórica e verán como se combatía coas armas antigas”, asegurou Oreona. O edil naronés felicitou aos representantes da Asociación Naronesa de Esgrima Antigua polo seu labor e desexoulle moitos éxitos, animándoos a cumprir máis retos coa organización de novos torneos na cidade.

Lea también

Nova edición do «Campus de Fútbol de Verán da Fundación Celta» en Ares

A casa consistorial de Ares acolleu a presentación oficial do Campus de Verán de Fútbol …