Alumnos dos IES Canido e Leixa de Ferrol participan mañá na primeira fase do Club de Debate

O Concello de Ferrol participa un ano máis no Club de Debate, dirixido ao alumnado de 3º, 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos. Trátase dun proxecto para a dinamización lingüística entre a mocidade organizado por varios concellos galegos a raíz dun convenio asinado no ano 2014 que busca contribuír ao uso oral do galego e ofrecer recursos para a práctica de habilidades comunicativas e de relación interpersoal á vez que promove a reflexión e o intercambio de opinións. Por parte de Ferrol participan os IES Leixa, con un grupo, e o IES Canido con dous.

A convocatoria consta de dúas partes e mañá terá lugar no Concello de Outes a primeira, na que os municipios participantes divídense en tres grupos: o primeiro está integrado por Ferrol (3 equipos), Narón (1), Outes (2) e Negreira (1); o segundo compóñeno Santiago de Compostela (2), Ames (2) e Teo (3); e no terceiro está Pontevedra (5 equipos), Redondela (2) e Rianxo (1). Un autobús trasladará mañá pola mañá aos alumnos de Ferrol ata o municipio anfitrión. Cada grupo participante deberá defender a postura a favor e en contra do tema “É necesaria a monarquía no século XXI”.

De cada grupo sairán dous equipos gañadores, que obterán un primeiro premio dun cheque por valor de 500 euros e un segundo de 300.

A proba final, en maio

Na segunda fase competirán os seis equipos gañadores da primeira proba nun encontro que terá lugar en Santiago no mes de maio. O vencedor poderá gozar dunha viaxe educativa cultural para 25 alumnos do centro escolar polo norte de Galicia o Portugal.

Para a concelleira de Xuventude e Normalización L ingüística, Cristina Prados, o obxectivo da participación de Ferrol no Club de Debate é ofrecer “un punto de encontro”, unha oportunidade “para coñecer as opinións dos alumnos sobre asuntos que lle afectan”. Con esta iniciativa, dixo, o Concello de Ferrol busca “promover o pensamento crítico e a análise, fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo”.

Lea también

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son …