A Baralla de Compostela e a Historia de Pontedeume

José Fonte Sardiña
Estes días de obrigada reclusión por mor do coronavirus son unha boa ocasión para facer unha lectura serea dalgúns libros que nos deixaron hai tempo un agradable sabor, como a novela de Xavier Lorenzo Tomé, «Baralla de Compostela», publicada en xuño de 2017 por Edicións Positivas, que dirixe o meu amigo e veciño Francisco Macías, na que unha das figuras do antigo coro pétreo da catedral de Santiago ―que agora escoltan, en número de vinte e catro, a Porta Santa na Quintana― narra, non sen certa retranca, a historia de catro mouriscos, os vellos médicos Ibraim e Yusuf, e os seus pupilos Tareq e Abdel, que chegaron a Compostela en 1383 no séquito do efémero rei León V de Armenia (1374-1375) ao que Xoán I de Castela (1379-1390) acollera nestas terras como exiliado despois de mediar pola súa liberación logo de case unha década de cativerio. O monarca armenio marchou máis tarde a Inglaterra e logo instalouse en Francia, pero os devanditos mouriscos que con el viñeran quedaron en Santiago onde exerceron na Algalia a súa profesión.

O pétreo e retranqueiro narrador conta que todo lles ía ben aos catro da Algalia, como el lles chama, desde que chegaran á cidade no Nadal de 1383. As súas consultas gozaban de boa fama e Ibrahim e Yusuf tiñan moita influencia política en Compostela. Así e todo, no verán de 1835, Ibrahím descubriu un día espidos nunha cama da súa casa a Tareq e a Abdel e, comesto polos celos, ameazou de morte ao seu pupilo Tareq, que, tratando de fuxir pola ventá, viu como a súa vida remataba. A traxedia pasou ás futuras xeracións compostelás contada nas cantigas de cego.

A historia que se conta en «Baralla de Compostela» ten unha estreita relación coa
chamada «Historia dos tres Xoáns», que se refire ás disputas entre Xoán I de Castela
(1379-1390) ―fillo e herdeiro do rei fratricida Henrique II de Castela (1369-1379), e
casado con Beatriz, a lexítima herdeira do rei Fernando I de Portugal (1367-1383)―,
Xoán de Gante ―duque de Lancaster e fillo de Eduardo III de Inglaterra (1327-1377),
que casou con Constanza, filla do asasinado Pedro I de Castela (1350-1369) e herdeira da coroa que fora usurpada polo rei fratricida Henrique II de Castela (1366-1379)― e
Xoán I de Portugal (1385-1433) ―fillo bastardo do rei Pedro I de Portugal (1357-1367)
e medio irmán de Fernando I de Portugal (1367-1383)―. O fin do conflito chegou coa
sinatura do tratado de Baiona en 1388, polo que o bisneto de Pedro I o Cruel (1350-
1369) e Henrique II o Fratricida (1369-1379) acabará reinando como Xoán II de Castela (1406-1454). Ibrahim, despois da morte de Tareq, marcha co séquito de Xoán I de Castela (1379-1390), Abdel co de Xoán de Gante e Yusuf queda en Compostela, o que lle dá a ocasión ao narrador para relacionar a historia dos catro da Algalia coa «Historia dos tres Xoáns«.

E que relación pode ter todo isto con Pontedeume? Pois a «Historia dos tres Xoáns«
comezou, consonte asegura o vello narrador ―que primeiro estivo no coro pétreo da
catedral compostelá e hoxe se atopa na Porta Santa na Quintana―, co fratricidio de
Montiel, no que parece que Fernán Pérez de Andrade o Bo, señor da vila, algo tivo que
ver. O primeiro en acusalo foi, en 1550, o licenciado Bartolomé Molina na súa
Descripción del Reino de Galicia. Couceiro Freijomil, talvez algo cego de patriotismo eumés e de paixón polo primeiro señor de Pontedeume, perde un pouco a súa habitual obxectividade cando sostén que esta afirmación é “de todo gratuíta […]. Case tódolos historiadores españois, e mesmo os estranxeiros, están de acordo en indicar como autor da axuda dada a don Henrique, aínda que non o afirmen tallantemente, agás o señor Lafuente, ó aventureiro francés Beltrán du Guesclin” (Antonio CouceiroFreijomil: Historia de Pontedeume, primeira edición 1944, citado pola cuarta edición, Pontedeume, 1995, p. 121 e 122). Pola súa parte, Correa Arias, o mellor biógrafo de Fernán Pérez de Andrade, non tan partidario do noso primeiro señor coma Couceiro, asegura que “o de Andrade, efectivamente, tivo algo que ver coa morte de don Pedro e esta morte produciuse de forma aleivosa e sañuda, de forma nada cabaleiresca, xa que, incluso, se chega a afirmar que lle cortaron a cabeza e o seu corpo foi exposto para ser escarnecido” (José Francisco Correa Arias: Fernán Pérez de Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social, Editorial Toxosoutos, Noia, 2004, p.118). Por estes feitos, o dezanove de decembro de 1371, Pontedeume perde na práctica a condición de vila de reguengo, que Afonso X o Sabio (1252-1284) lle outorgara o trinta de decembro de 1270, e pasa a depender de Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo, o seu primeiro señor, por mor doutro privilexio asinado en Burgos polo agradecido rei Henrique II (1369-1379), chamado o Fratricida, o das Mercedes ou o Bastardo (Miniatura do fratricidio de Montiel do século XIV realizada polo cronista francés Jean Froissart para ilustrar as súas Chroniques).

Por outra banda, a presenza dos catro da Algalia na nova Porta do Paraíso, que suxire o narrador da novela, tamén ten algo que ver con Pontedeume. En decembro de 1757,
case tres séculos máis tarde daquela traxedia, consonte nos di Ramón Otero Túñez, o Cabido decide reformar esta fachada da Acibechería, “por ser obra precisa e necesaria” e o arcebispo Rajoy aprobou a proposta e ofreceuse “a vencer os atrancos que poidan servirlle de embarazo […] e facer efectiva esta obra tan necesaria” (Tomado e traducido de Ramón Otero Túñez: “Rajoy , constructor”, en Cátedra, VIII, Pontedeume, 2001, p. 59 e 60). Este é o motivo polo que aparecen na fachada os escudos do noso prelado ―que fai alusión entre outras cousas á ponte e ao río Eume― e do Cabido.

Foi o escultor compostelán Xosé Ferreiro, en opinión do narrador da novela, o que
conseguiu que Ibrahim, Yusuf e os seus pupilos Tareq e Abdel se fixesen “visibles nesta contorna catedralicia, nunha sorte de serodia e inesperada resurrección” na nova Porta do Paraíso feita no arcebispado do noso paisano Bartolomé Rajoy, substituíndo á Fe, Esperanza e Caridade que fixera o seu sogro Gambino. Así pois, as figuras atlantes que sostiñan a imaxe de Santiago peregrino, que tiña aos seus pés a dous reis hispanos, foron representadas polos mestres Ibrahim e Yusuf, nos estremos, e dos seus fámulos Tareq e Abdel, no centro; estes dous cruzaban as súas miradas de namorados, remedando dalgunha maneira o diálogo que as imaxes do Pórtico da Gloria estableceran varios séculos antes da man do Mestre Mateo. O retranqueiro narrador de pedra da Porta Santa suxire que entre as calzas dun dos mouriscos máis novos, que ocupan o centro da escena, hai “algo máis ca unha alegría ou voluptuosa sinuosidade”; así e todo, remata dicindo que talvez iso sexa só unha especulación porque “nin Ferreiro nin Sarela, nin sequera Ollo Choco, sabían nada de Ibrahim e Tareq, de Yusuf e Abdel, historia sobre historias degradadas… Nada sabían e, aínda así, aí está a constancia en pedra do seu paso por Compostela, por mediación e maxia da máis pura retranca: acción do cicel e a maza”.

Por outra banda, en Pontedeume temos a magnífica talla barroca do Cristo de Ánimas
que se aloxa todo o ano no retablo que lle dá nome na igrexa parroquial e que sae en
procesión o día de Xoves Santo, que fora traída en tempos do arcebispo Rajoy e moi
probablemente realizada por Xosé Ferreiro. Si é segura a autoría do seu sogro Gambino, en 1771, tamén sendo arcebispo de Santiago Bartolomé Rajoy, do conxunto formado polo Nazareno coa cruz ás costas, acompañado por Simón de Cirene, o soldado romano e o xudeu da moca, que sae en procesión na noite de Xoves Santo e na madrugada do Venres Santo, no Encontro, nesta ocasión ao son da música do Paso, verdadeiro himno patrio dos eumeses, que este ano excepcionalmente estará ausente das nosas rúas polo maldito virus.

 

Lea también

Esperando el comienzo de curso

Juan Cardona-( juan@juancardona.es) Un diputado raso tiene obligación de acudir al Congreso normalmente 3 días …