O Concello reparte máis de cen menús entre os usuarios da Cocina Económica

Reparto de menús na Praza de España | Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol empezou a facerse cargo dende hoxe do reparto de todos os menús que prepara a Cocina Económica para os seus usuarios. Ata o momento, viña distribuíndo os máis dunha decena que se levaban a domicilio, pero a primeira hora da tarde comezou a entregar os que ata onte facilitaba a institución na súa sede da rúa Rubalcava. Para poder levar a cabo este labor en condicións adecuadas, o goberno local contratou a instalación dunha carpa de 50 metros de lonxitude na praza de España na que os beneficiarios poderán agardar a súa quenda mesmo en condicións meteorolóxicas adversas. Baixo esta cuberta provisional colocouse un valado de separación e o chan marcouse de tal xeito que se poidan manter as distancias de seguridade que implica a actual situación de crise epidémica.

Os menús, que segue a elaborar o persoal da entidade benéfica na súa propia sede, dispóñense empaquetados no interior da Oficina de Turismo para que os catro voluntarios de Protección Civil que atenden este servizo vaian dándollos a cada usuario de maneira ordenada e tras comprobar a súa identidade. En total, hoxe entregáronse 108, mentres que a domicilio se serviron 11 máis.

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, supervisou ao longo da mañá a preparación de todos os detalles. O alcalde, Ángel Mato, achegouse durante uns breves instantes para comprobar con el o funcionamento do dispositivo. Mato aproveitou para agradecerlles “unha vez máis” o seu esforzo aos voluntarios de Protección Civil, “que están a traballar sen descanso” e tamén ao persoal do Corpo de Bombeiros e a todo o cadro da Policía Local, que enfrontan a pé de rúa este momento tan delicado.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …