O Concello reforza as quendas de limpeza e desinfección nos interiores das instalacións municipais en uso

Limpeza no mercado de A Magdalena | Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Servizos, que dirixe Ana Lamas, está a reforzar as quendas de limpeza e desinfección con lixivia e auga dos interiores das dependencias municipais que neste período de estado de alarma, decretado polo Goberno central o pasado 14 de marzo, continúan en uso. É o caso das instalacións dos mercados de abastos do barrio da Magdalena, Recimil e Caranza, as do corpo de Bombeiros, da Policía Local e o pazo municipal, entre outros.

A concellería reorganizou ao persoal que presta a diario este servizo para incrementar os traballos nos lugares de maior afluencia de persoas, acentuando a hixienización e desinfección de aquelas zonas susceptibles de ser manipulables, como por exemplo varandas, picaportes, tiradores, auriculares de teléfono e cuartos de baño.
Dito reaxuste fíxose sen deixar de atender as instalacións cuxa actividade municipal está actualmente suspendida por mor do estado de alerta.

Cambios en función das novas necesidades

A concelleira explicou que o obxectivo do Concello é concentrar a maior parte dos esforzos en combater as posibilidades de contaxio, polo que o plan de traballo pode sufrir variacións en función das necesidades que xorden a medida que pasan os días. Un exemplo é a inclusión da Casa do Mar nesta previsión de hixienización ante a posibilidade de que se converta en albergue provisional para persoas sen teito.

Ana Lamas explicou que coa remodelación do servizo “buscamos protexer tanto aos usuarios como aos empregados municipais en aqueles edificios que por prestar servizos esenciais para a cidadanía é necesario manter en funcionamento”.

Agradecemento por un traballo “extraordinario”

A responsable do departamento quere expresar o seu agradecemento polo labor que están levando a cabo os empregados municipais de limpeza en circunstancias tan complicadas coma as destes días. Realizan un traballo “extraordinario” e “todos os ferroláns estamos moi agradecidos”. Todos eles, insistiu, “están a cumprir co seu cometido coa máis absoluta profesionalidade”.

Lea también

Desvíos de tráfico de las obras de humanización de la FE-14 Ferrol

El Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible avanza en la ejecución de las obras de …