O Concello repartiu vales de comida a 282 familias na primeira quincena de confinamento

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, repartiu un total de 282 vales de comida ás familias máis necesitadas da cidade ao longo dos quince primeiros días de confinamento tras decretar o Goberno central o estado de alarma. Un total de 168 foron para aquelas que xa eran beneficiarias das becas de comedor e que ante o peche dos colexios o Concello substituíu por vales de comida. O resto entregáronse a aquelas familias cuxa situación económica empeorou tras o suspensión da actividade na maioría de empresas, aumentando así a súa vulnerabilidade e precariedade.

A entrega de vales para afrontar a comida diaria das familias máis necesitadas foi unha das primeiras medidas postas en marcha polos servizos sociais do Concello. Só atender as necesidades alimentarias dos máis vulnerables nesta primeira quincena de confinamento supuxo un gasto de 23.000 euros.

A esta medida súmanse as axudas para adquirir medicamentos, que tamén se están a conceder ás persoas que os necesitan e que agora non poden afrontar dito gasto. Ata o momento atendéronse una decena de peticións a este respecto.

Menús a domicilio e reparto na praza de España

Ademais de vales de comida, desde o Concello estanse a poñer en marcha numerosas medidas para que os veciños máis necesitados pasen os días de confinamento o máis apoiados posible sempre co obxectivo de evitar a propagación do Covid-19. É por elo que desde os servizos sociais se está a xestionar, en colaboración coa agrupación de voluntarios de Protección Civil, o traslado a domicilio de menús a cinco usuarios dos comedores sénior. Pola súa banda, a empresa responsable do programa Xantar na Casa reparte a outros 12 usuarios.

Outra das accións desenvolvidas polo Concello esta mesma semana é o reparto de todos os menús que prepara a Cocina Económica para os seus usuarios. Para poder levar a cabo este labor en condicións adecuadas, o goberno local contratou a instalación dunha carpa de 50 metros de lonxitude na praza de España na que os beneficiarios poden agardar a súa quenda mesmo en condicións meteorolóxicas adversas. Baixo esta cuberta provisional colocouse un valado de separación e o chan marcouse de tal xeito que se poidan manter as distancias de seguridade que implica a actual situación de crise epidémica. Tamén voluntarios de Protección Civil atenden este novo servizo da concellería de Benestar Social.

Acompañamento aos mais necesitados

A concelleira responsable de xestionar os servizos sociais sinalou que desde o Concello, e como non podía ser de outra forma, se está a desenvolver un “importante esforzo” tanto económico como persoal para axudar aos máis necesitados. Os veciños “deben saber que estamos poñendo todo o noso empeño e medios para afrontar unidos esta situación e mesmo protexer á poboación”.

No tocante aos próximos días, Martínez Montero asegura que desde a súa concellería non descartan que o número de familias necesitadas aumente debido, entre outras cousas, ao forte imparto da crisis polo Covid-19 na situación laboral e económica de moitas familias de Ferrol, “cidade que xa arrastraba cifras de pobreza, exclusión social e vulnerabilidade elevada a consecuencia do paro e do envellecemento da poboación”.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …