O Concello de Narón habilita un área de aseo para os transportistas no estacionamento de camións de Río do Pozo

Fot. Google

O Concello de Narón ultima os traballos que permitirán poñer en marcha, previsiblemente este martes pola tarde, unha zona de aseo para transportistas no polígono de Río do Pozo. A alcaldesa, Marián Ferreiro, avanzou que se instalarán dúas casetas móbiles, unha con doce duchas –seis para mulleres e seis para homes- e outra con aseos e lavabos, co fin de ofrecer este servizo na cidade, máis concretamente na parcela para estacionamento de camións localizada no citado parque empresarial naronés.

“Na mañá deste luns estívose traballando para dotar á parcela de subministro de auga e electricidade, co fin de poñer en marcha canto antes un servizo que está demandando o colectivo de transportistas nestes momentos e co que queremos colaborar dende o Concello”, explicou Ferreiro.

O estacionamento de camións está moi preto das instalacións da plataforma loxística que a empresa Lidl ten no mesmo polígono industrial, unha elección que non foi casual porque dende as instalacións da citada empresa subminístranse as tendas que a cadea ten en Galicia, Asturias e León”, indicou Ferreiro. Xunto coa citada empresa, tamén se localizan outras que permanecen abertas durante o estado de alarma, como as de repostaxe de combustible, entre outras. “O polígono rexistra unha considerable afluencia de camións no día a día, mermada estes días ante a crise do Covid-19 pero que entendemos que prestará un servizo moi necesario e complementario ao do estacionamento de camións a un colectivo, o dos transportistas, que tamén está realizando un traballo fundamental para que todas e todos nós dispoñamos dos recursos básicos”, explicou a rexedora local.

 

Así mesmo, en canto ao mantemento da zona de aseo a alcaldesa subliñou que, con motivo das medidas sanitarias para a prevención do coronavirus, “contarán con servizo de limpeza e desinfección tres veces ao día, pola mañá, ao mediodía e pola noite, para poder ofrecer aos usuarios e usuarias das mesmas todas as garantías sanitarias que requiren este tipo de instalacións”.

O estacionamento de camións construído hai algo máis dunha década nunha parcela de titularidade municipal duns 12.000 metros cadrados no polígono de Río do Pozo –na terceira fase- dispón de algo máis de medio cento de prazas para camións e dun centenar máis para turismos e outros vehículos.
O Concello destinou no seu día unha partida próxima aos 300.000 euros para
acondicionar este espazo.

Lea también

Últimos días para inscribirse en Narón no curso sobre “Xestión de redes sociais con Canva e ChatGPT”

Esta acción formativa impartirase dende o vindeiro 2 de maio ata o 28 de xuño, …