O Concello inicia unha campaña de recollida de alimentos para as familias máis vulnerables

O Concello de Ferrol vén de poñer en marcha unha nova medida para axudar ás familias máis vulnerables e que máis están sufrindo as consecuencias do confinamento pola crise sanitaria do Covid-19. Neste caso trátase da campaña “Axuda con Alimentos”, unha iniciativa que pretende fornecer de comida aos veciños máis golpeados pola suspensión da actividade non esencial como consecuencia o estado de alarma decretado polo Goberno central.

Deste modo, aquelas persoas que ao tempo que acoden ao supermercado para realizar a súa compra desexen poñer o seu grao de area nestes difíciles momentos poden facelo aportando alimentos nos supermercados participantes neste programa. Efectivos da agrupación de Protección Civil encargaranse de recoller os produtos unha vez ao día seguindo un estrito protocolo de actuación deseñado polo departamento municipal de Seguridade. Os alimentos serán entregados polo Concello de Ferrol ao Banco de Alimentos Rías Altas, e desde aí repartiranse ás familias que neste momento se atopan nunha situación límite.

Poden entregarse produtos non perecedoiros, como aceite, produtos infantís, leite, cereais, chocolate, cacao, crema de cacao, conservas (de peixe, cárnicas e vexetais), produtos enlatados ou en frasco, fariña o azucre, entre outros.

As persoas interesadas en participar poden entregar alimentos nos establecementos nos que se atope o cartel da campaña “Axuda con Alimentos” na súa entrada.

Unha cidadanía solidaria

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, indicou que a campaña se pon en marcha co obxectivo de axudar ás persoas que neste momento se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade. “Sabemos”, dixo, que nesta cidade “hai moitos ferroláns que queren axudar aos máis vulnerables na loita contra o Covid-19 e esta campaña de recollida de alimentos é unha boa forma de facelo”. Todos, engadiu, “estaremos moi agradecidos”, ao tempo que resaltou a “solidariedade” dos ferroláns.

Neste sentido, e co obxectivo se seguir apoiando á cidadanía nas súa necesidades básicas, o rexedor adiantou que o Concello está traballando en novas iniciativas para “axudar aos veciños que nestes momentos máis o necesitan”.

“Se non podes, imos nos”

O Concello puxo en marcha o 18 de marzo outra campaña dirixida a prestar soporte ás persoas máis vulnerables. A iniciativa “Se non podes, imos nos” consiste na compra de alimentos e medicamentos para persoas con mobilidade reducida ou en illamento sanitario sen opción a que un familiar realice dita tarefa.

Esta campaña, de balde, inclúe un estrito protocolo de actuación. Unha vez recibida a chamada (981 320 00 ou 698 126 700), realizarase unha primeira recollida de datos do solicitante e se lle informará das medidas que debe adoptar dependendo do servizo requirido, como por exemplo a necesidade de abrir o portal ou a porta de acceso á vivenda, a retirada de dous metros do límite da entrada o ter o diñeiro da compra nunha bolsa de plástico. En caso de non ter bolsas, os voluntarios de Protección Civil teranas dispoñibles. Ditas instrucións serán repetidas a través do telefoniño ou da entrada á vivenda. O solicitante deberá firmar un documento onde estará recollida a compra a realizar e o diñeiro entregado. Mentres os dous voluntarios están na vivenda do solicitante, o condutor do vehículo preparará o kit de desinfección para o diñeiro, o vale para alimentación e a tarxeta sanitaria no caso de medicamentos. Todos os voluntarios de Protección Civil levarán os EPI (equipos de protección individual) e o material sanitario necesario en base á normativa. Unha vez no supermercado o farmacia, os profesionais adoptarán todas as medidas sanitarias establecidas nos protocolos de seguridade sanitaria. De volta á vivenda do solicitante, seguiranse as mesmas medidas de actuación que na primeira visita. Por último, a chegada á base realizarase unha limpeza e desinfección en profundidade do vehículo e do material empregado.

Mato explicou que con todas estas iniciativas o Concello está poñendo todos “os seus medios” na loita contra o Civid-19 e na “protección de aqueles veciños que agora máis nos necesitan”.

Lea también

Inauguración en Ferrol de la «II Festa do Marisco de Semana Santa»

Se celebra hasta el próximo domingo bajo una carpa en el muelle ferrolano de Curuxeiras …