O Concello habilita un servizo de balde de atención psicolóxica durante o estado de alarma

O Concello de Ferrol continúa poñendo en marcha medidas para protexer e acompañar aos cidadáns neste período de estado de alarma decretado polo Goberno central o pasado 14 de marzo como consecuencia da crise sanitaria. Neste caso trátase dun servizo de balde de atención psicolóxica que prestará de luns a venres, de 10 a 13.30 horas, un psicólogo municipal colexiado. Para contactar, a concellería de Servizos Sociais, que dirixe Eva Martínez, indica que hai que chamar aos números de teléfono de Benestar Social: 981 944 230 e 981 944 234.

Esta nova medida ponse en marcha co obxectivo de atender e apoiar a aquelas persoas que poidan necesitar atención psicolóxica debido ao estrés, medo, incerteza, ansiedade ou desánimo que a actual situación poida estar xerando, explica a edil. Nuns momentos “tan duros como son estes de confinamento”, continúa Martínez, “poden xurdir ditos estados tanto polo propio illamento como polas consecuencias desta crise no eido sanitario, no económico ou no laboral”. Por iso, desde o departamento de Benestar Social “ponse a disposición da veciñanza esta ferramenta, que pensamos pode servir de axuda para moita xente que, por diferentes razóns, non ten onde acudir para recibir atención a estes novos estados, mesmo o duelo ante unha perda en soidade, que xera unha situación excepcional como a que estamos a vivir”.

Organización durante o confinamento

Desde o servizo municipal de atención psicolóxica posto en marcha esta mesma mañá apuntan que durante este período de confinamento é necesario establecer unha organización no fogar “en función das actividades que nos entreteñen, as que nos ocupan e nos interesan”. Ademais, propoñen aproveitar para ordenar asuntos pendentes e realizar, na medida do posible, algo de actividade física, “que repercutirá na nosa saúde mental”. Trátase, en definitiva, e sempre que se poida, de “sacar do problema cousas positivas”, e para logralo, “é bo seguir uns horarios e organizar tarefas domésticas e as nosas afeccións”, lembran desde Servizos Sociais.

A concelleira Martínez recalcou que desde o Concello estanse a poñer “todos os nosos medios para acompañar e protexer aos veciños de Ferrol”, e este novo servizo ten como obxectivo ofrecerlles “unha importante ferramenta” para afrontar a “situación excepcional” que estamos a vivir.

Lea también

Ciclo de Aulas temáticas para a promoción da saúde dos maiores na AVV de San Pablo en Ferrol

Están organizadas pola Asociación Cáritas e a Consellería de Política Social, en colaboración coa Asociación …