Paseo polas fontes da vila eumesa da man de Ramiro Fonte e Aurora Lapique

José Fonte Sardiña
Nesta segunda semana de reclusión preventiva “anticoronavírica” que todos debemos gardar, o sol e a luz matutina, que me permiten, malia o empeño dalgúns teimudos e xigantes eucaliptos, ver o Pico Sacro desde a miña ventá, no meu encerro en Santiago de Compostela, animáronme a facer, ben que só coa imaxinación, un delicioso e nostálxico paseo polas fontes da vila de Pontedeume da man do narrador da novela “Os meus ollos”, de Ramiro Fonte, e das fotos que un día me mandara a miña boa amiga Aurora Lapique, que tivo como axudante no seu magnífico traballo a Concha «a Paragüeira«. “É certo que tódalas nosas fontes cantaban. Cada unha tiña un ritmo de seu; todas compartían a sabedoría da transparencia. A transparencia da auga permite ver o fondo das cousas. Se sigo prosando o tempo da miña infancia, debo aceptar o estilo da claridade, o difícil e sinxelo estilo das cousas ruxidoiras […]. A diferenza das campás da igrexa, que resoan nos recantos da vila e nos recantos das almas como se medisen o tempo dunha inquietante eternidade, as fontes medían a eternidade das cousas simples.
Esas que están a carón de nós para aprendermos a vivir, para sermos tempo. Dese tempo beberemos, sen poder apreixalo nas mans, porque ninguén pode apreixar a auga fuxidoira”.

Eu anímovos a facer comigo este paseo, primeiro coa lectura e logo co percorrido
mental, que partiría da fonte da praza das Angustias, a carón da casa natal do poeta. “É tempo de escoitar as fontes da vila. A das Angustias, ó pé do cruceiro, rodeada de
mulleres e mozas que veñen encher as sellas e os baldes […]. Bebín de todas elas.
Xenerosas, saciaron a miña sede sen pedir nada a cambio, agás estas mesmas
lembranzas. Sigo séndolles fiel. Creo recoñecer […] o recatado son de fontela da das
Angustias: de beber outra vez desa auga, quizais morrería de esquecemento,
desmemoria e cegueira […]. As fontes considerábanse necesarias non só polo seu canto.
Antes de proxectarse a traída da auga, delas dependían por enteiro as tarefas domésticas.
As casas da praza das Angustias sentíanse moi afortunadas por rodearen a fonte, que servía a todas por igual, incluso á de Sofía Lamas, que parecía tan desgrazada como a dun mendigo. As mulleres enchían no seu cano, nunca demasiado pródigo, as sellas e os baldes de metal, que axiña foron substituídos polos cubos de plástico de cores vivas”.

O paseo continúa pola rúa Real ata a fonte que está entre as rúas de Mancebo e
Santiago, “misteriosa e lóbrega no canellón, que crea ecos de furna mariña”. Eu sempre que a lembro revivo con emoción a música do Paso, que alí xa vai soando a despedida, volvendo cara á igrexa parroquial na procesión do Santo Encontro na madrugada do Venres Santo, que este ano non escoitaremos na rúa aínda que si nos nosos corazóns eumeses.

Baixando de Mancebo pola Pescadería, chegamos á do Pilón a dona de tódalas fontes
[…]. Segue estando aí, amosando a súa perfecta altura de obelisco de canteiros, sen
arrogancia. Convénceme de que o tempo non modificou tódolos lugares. Os seus catro canos, dirixidos ós catro puntos cardinais, seguen botando a auga que toma dun secreto manancial que hai en Breamo. Antes de ser fonte de tódolos veciños, xa estaba alí no tempo dos Andrade. Era, daquela, fonteliña acubillada intramuros do palacio dos condes. Nalgunha mañá fría, lavou nela os seus cabelos louros a mociña que aquela noite xacera co poderoso señor […]. Os catro canos do Pilón […], ó conxuntárense, fan un ruxido de cadoiro. Todo o mundo ten dereito a gozar del, que para iso as propiedades dos Andrade se converteron en praza pública […]. Sempre soportou moi ben a seca e, que eu recorde, nunca pasou pola vergoña do cartel [de auga non potable]. Gozaba da estima de tódolos veciños, como se botase auga medicinal”.

Desde a praza do Conde, continuamos cara á fonte da Estación. “Cando ampliei os
horizontes, comecei a descubrir outras que non estaban sinaladas no plano da vila, e que falaban distintos idiomas murmuriantes. A da Estación, que formaba un regato de augas verdosas. Aprendices de naturalistas, iamos alí cazar cágados e tritóns”.

De volta para a vila, subimos ao cemiterio pola rúa Ría de Ares e desde alí visitamos en
Boavista a fonte de Porto, “co seu lavadoiro en plena actividade. Tinas e tinas de roupa que as mulleres botan a clarear nun campiño costaneiro, especialmente fermoso a comezos do verán, cando, entre las zurbaranescas sabas estendidas, cantan os grilos”.

A ruta segue polo Picho ata a Fontenova, onde está a chamada fonte da Paloma, “que
mestura o son da súa auga coa fala popular”.

Desde alí, baixando pola Tafona ata a praza da Calzada, imos á fonte das Virtudes,
“onde paran os labregos que traballan as leiras dos carreiros de Santo Isidro e que,
segundo a lenda, remediaba o mal gálico”. Eu, coa forza da memoria, aínda podo
escoitar sen moito esforzo, como cando era un neno, o bater da súa auga na pedra.

Polas escaleiras do adro da capela da nosa patroa, chegamos á rúa de Santo Agostiño e
baixamos á fonte “que foi dos frades e cambiou o seu nome polo de Chafarís, estendéndoo ata a ruela sen saída. Así a chamamos os nenos do Coliseo, que bebemos dos seus dous canos de auga impetuosa e cristalina sen xuntarmos as mans […]. Creo recoñecer o son da auga que bate con forza na pía do Chafarís […]. Había meses nos que as fontes estiñaban. O peor de todo era cando Couto mandaba chantar nunha delas un cartel de madeira que puña ‘agua no potable’. A do Chafarís pasou por semellante vergoña, aínda que os nenos sedentos non deixamos de acudir a ela”.

Desde alí, cara á ribeira, rematamos o roteiro, sempre coa baixamar, na fonte de
Zopazos. “A máis íntima de todas, que deita un fío de auga por unha folliña de loureiro [hoxe xa ten cano], entre as penas de Zopazos. Danlle boa sombra os castiñeiros ribeiráns, que lle tiran ourizos. A marea chea pon ós seus pés unha boa colleita de algas, razón pola que sempre aparece adornada cun nobelo destas fitas verdes”.

As fontes crean a elemental melodía das prazas, das rúas, dos canellóns de
Pontedeume. Nin as delicadas notas do violín, nin moito menos as inseguras da
trompeta, poden competir coa súa música transparente, lixeira, duradoira. O neno que comeza a ruar non tarda en descubrilas. Non fai falla que ninguén lle fale delas. Se alguén o mancou, se alguén guindou contra el a pedra da ignominia ou, simplemente, se está morto de sede, xa sabe onde atopalas […]. Todas elas seguen no seu sitio. Algunhas aínda botan, outras cegáronas. Todas perderon a música ruxidoira que atraía o neno calexeiro.
Cando non cambian os espazos, somos nós, que estamos expostos ás incesantes mudanzas da vida, os que cambiamos.
A nosa ollada provoca neles profundas alteracións. Perdemos oído e xa non sabemos escoitalas”.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …