Oito cadeas de distribución e os mercados municipais colaboran co Concello na recollida de comida para o Banco de Alimentos

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, axudando na recollida de alimentos | Concello de Ferrol

As principais cadeas de distribución que contan con presenza en Ferrol, ademais dos mercados municipais, sumáronse á iniciativa do Concello para colaborar co Banco de Alimentos Rías Altas. Gadis, Carrefour, Supercor, Lidl, Alcampo, Froiz, Eroski/Dia e Mercadona están a contribuír para axudar ás persoas máis necesitadas durante esta crise xerada pola epidemia de Covid-19. Os puntos de recollida que nos últimos días foi colocando Protección Civil atópanse en locais que dispoñen dunha superficie suficiente para que os cidadáns poidan facer as súas doazóns sen correr riscos. Trátase de lugares indicados por un cartel coa frase “Axuda con Alimentos” e que dispoñen de caixas nas que depositar non perecedoiros. Algúns deles aínda se están a colocar hoxe.

Deste xeito, aquelas persoas que ao tempo que acoden ao seu establecemento habitual para realizar a compra desexen poñer o seu grao de area nestes difíciles momentos poden facelo nalgúns dos supermercados e hipermercados que participan neste programa. Efectivos da agrupación de Protección Civil encargaranse de recoller os produtos seguindo un estrito protocolo de actuación deseñado polo departamento municipal de Seguridade. A comida será entregada polo Concello de Ferrol ao Banco de Alimentos Rías Altas, e dende alí repartirase ás familias que neste momento se atopan sen recursos.

O máis necesario son produtos non perecedoiros, como aceite, produtos infantís, leite, cereais, chocolate, cacao, crema de cacao, conservas (de peixe, cárnicas e vexetais), produtos enlatados ou en frasco, fariña o azucre, entre outros.

Dende que se puxo en marcha a campaña, o pasado martes, xa se fixeron dúas grandes recollidas. A primeira foi en Alcampo, que entregou un palé de produtos, e esta mañá os voluntarios, acompañados polo concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, recolleron dous máis no Froiz da rúa San Amaro para levalos ao Banco de Alimentos Rías Altas.

A campaña está aberta aos pequenos negocios da cidade que desexen contribuír. Para que Protección Civil pase a recoller os alimentos que reúnan, deben enviar un correo electrónico a alcaldia@ferrol.es ou chamar ao número de teléfono 981 320 000.

Tamén avanzaron a súa intención de colaborar entidades como a Agrupación de Asociacións de Veciños da Zona Rural, a Xunta de Cofradías da Semana Santa e a Comunidade de Montes de Covas e Esmelle, que anunciaron que nos próximos días realizarán grandes compras en establecementos da cidade para que as reciba o Banco de Alimentos.

Lea también

Aprobada en Ferrol la reparación de aceras en diversos puntos

La Junta de Gobierno Local ferrolano JGL dió luz verde al expediente de contratación de …