O Concello de Narón coordina a unha vintena de persoas que realizan cubrebocas que reparte Protección Civil

Unha vintena de veciñas e veciños de Narón confecciona estes días cubrebocas que se entregan a través do equipo de voluntarios de Protección Civil. As concellerías de Seguridade Cidadá e Benestar Social, dirixidas por Román Romero e Catalina García,
respectivamente, coordinan esta iniciativa solidaria, que conta coa colaboración de varios comercios de Narón, ou cuxos propietarios e propietarias son da cidade, que doaron o material preciso para realizar os cubrebocas, telas de algodón e filtros de polipropileno. Na actualidade xa se realizaron uns 500, tal e como se indicou dende o Concello.

O equipo traballa dende os seus domicilios e unha vez que ten unha certa cantidade de cubrebocas, específicos para homes e para mulleres, informa ao Concello, a través da área de Benestar Social, para que xunto con Seguridade Cidadá llo comunique a Protección Civil, que se encarga de recollelos en cada punto indicado para proceder á entrega dos mesmos. O reparto comezou na xornada de onte, cando se entregaron os primeiros a persoal voluntario de Protección Civil e de Cáritas Parroquial.

Nos vindeiros días están programadas entregas a outros colectivos que os vaian necesitando, a medida que se confeccionan. Os cubrebocas, reutilizables, son de algodón e teñen unha abertura na que vai un filtro de polipropileno para
impermeabilizalos, entréganse unha vez lavados a alta temperatura e desinfectados.

A entrega a Protección Civil por parte das persoas que as elaboran faise dentro de bolsas herméticas, para cumplir así garantías hixiénicas.

 

As mulleres e homes que realizan os cubrebocas puxéronse en contacto co Concello co fin de trasladarlle esta iniciativa e para solicitar colaboración en materia de coordinación e para o reparto do material para confeccionalos e, unha vez rematados, para a entrega dos propios cubrebocas. As áreas de Seguridade Cidadá e Benestar Social coordinaron ao equipo dende o inicio, valorando a súa iniciativa.

Dende o Concello de Narón agradecen a implicación das veciñas e veciños que están á fronte deste labor e tamén as doazóns realizadas de material para poder levalo a cabo.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …