O Concello realizou dende a declaración do estado de alarma pagos por máis de tres millóns de euros, o triple que a media habitual

O goberno local de Ferrol estalle a dar prioridade durante este período de crise, en canto á acción económica, ao pago urxente de facturas a os seus provedores, tanto empresas como autónomos, para deixar nas súas mans toda a liquidez posible, ao menos no que respecta ás obrigas do Concello. Esta política fixo posible que ao longo das últimas dúas semanas, dende que o pasado 14 de marzo o Consello de Ministros acordara a declaración do estado de alarma, se aboasen máis de tres millóns de euros, exactamente 3.075.857,50. Esta cantidade supón máis do triple que as cifras habituais a estas alturas de exercicio. O ano pasado, por exemplo, na segunda metade de marzo os pagos ascenderon a 700.000 euros, correspondentes a un centenar de facturas.

A paralización de boa parte das tarefas administrativas que se levan a cabo a diario no Concello, debido á suspensión de todas as actividades non esenciais decretada polo Goberno central, está a ser aproveitado para establecer novas prioridades, que teñen unha especial repercusión nas áreas económicas da Administración local. Segundo explica a concelleira de Economía e Facenda, María Teresa Deus, o esforzo coordinado de todos os negociados e da Intervención municipal posibilitou que nos últimos quince días o número de facturas pagadas ascendera a máis de trescentas.

Ao mesmo tempo, a tamén segunda tenente de alcalde acaba de modificar o calendario do contribuínte para ampliar os prazos de numerosos trámites tributarios e o período de ingreso en voluntaria de determinadas cobranzas. No caso de taxas sobre actividades que quedaran suspendidas polo Real Decreto de 14 de marzo, os abonos correspondentes ao padrón de mesas e sillas (terrazas de establecementos hostaleiros) quedan paralizados á espera de que coñeza o período exacto de peche e, dese xeito, se poidan xirar novas cartas de pago cos descontos correspondentes. Todas estas medidas iniciais teñen como obxectivo, insiste Deus, facilitar a liquidez dos negocios mentres o Concello aproveita a diminución de labores ordinarias para ter listo canto antes un paquete de axudas directas que sirva para dar soporte ao tecido económico ferrolán a curto prazo.

Promoción Económica e Emprego

Ademais, dende o departamento de Promoción Económica adiantouse o 50 % da subvención para a dinamización do comercio, a hostalería e os mercados, cun importe total concedido de 64.340,98 euros. As entidades cobraron xa 32.170,49 euros, e estase a tramitar a metade restante.

En canto ao de Emprego, tamén dependente de María Teresa Deus, habilitáronse medidas para que os técnicos adscritos ao Programa Integrado 2019-2020 poidan seguir prestando asesoramento telefónico aos cen alumnos inscritos, coa intención de que non se paralice a execución do proxecto unha vez finalice a situación actual. Á vez, estanse aboando as becas aos alumnos do anterior período do PIE. Ademais, están contratados seis cursos de informática para busca de emprego, outros seis de habilidades sociolaborais, un certificado de profesionalidade N1 de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais e outro N2 de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institución sociais.

Lea también

FeC denuncia o lamentable estado dos parques caninos

Ferrol en Común denuncia «o estado lamentable no que se atopan os parques caninos da …