O Concello lembra que a recollida de mobles e residuos voluminosos está suspendida para poder dedicar máis recursos á desinfección

Fot. Galicia Ártabra

Coa intención de concentrar todos os recursos posibles na desinfección de zonas de risco, o servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello mantén suspendida temporalmente a retirada de voluminosos. A concelleira de Servizos, Ana Lamas, adoptou esta decisión entendendo que neste momento da epidemia de COVID-19 “o importante é centrar os esforzos da concellería nas medidas hixiénicas”. Así, durante as últimas semanas véñense potenciando o baldeo de rúas e a aplicación de lixivia á entrada de establecementos de alimentación e outros lugares públicos, en detrimento de outros servizos que, mentres dure o confinamento, o Concello entende que non son prioritarios, coma a recollida de mobles. Por ese motivo, Lamas pídelle á cidadanía comprensión e que, antes de baixar á rúa este tipo de residuos, agarde a que se poida volver poñer en funcionamento a súa retirada, do que o Concello informará puntualmente. Ao mesmo tempo, a edil lembra a obriga de depositar as bolsas do lixo dentro dos colectores destinados a tal fin, aínda máis nun período coma este no que todas as persoas deben extremar as medidas hixiénicas.

A reorganización está facendo posible que as quendas do persoal de limpeza cheguen a todo o territorio municipal. Onte mesmo os traballadores dedicados ao baldeo pasaron durante a mañá polas rúas de Canido, o Ensanche A e o Ensanche B. Os seus compañeiros da tarde percorreron Caranza, Catabois e San Pablo, e os da noite dedicáronse á Magdalena e Esteiro Vello. Pola súa banda, os que teñen encomendada a desinfección fixeron tres percorridos. Un deles comezou en San Felipe e concluíu en Ferrol Vello tras pasar por Brión, Valón, Doniños e o centro urbano. Outro pasou por Vilasanche, Mandiá, Ensanche A e Ensanche B, e o derradeiro, por Papoi, Covas, Esmelle, San Xurxo, Caranza, vivendas da Bazán e Telleiras. O persoal dedicado a estes labores céntrase en hixienizar todas as zonas nas que se rexistre moito paso de xente, como supermercados, panadarías, farmacias, quioscos, estancos, paradas de transporte público, bancos e contedores, entre outros.

Ana Lamas quere expresar o seu agradecemento ás asociacións de veciños e aos cidadáns que están a achegar información sobre lugares nos que detectaron que había necesidade de actuar en canto a limpeza. A edil asegura que as súas contribucións están a axudar moito para seguir mellorando a hixienización da cidade nun momento tan sensible coma esta epidemia.

Lea también

Presentación do libro «Ser Cetáceo» de Francisco X. Fernández Naval no Museo de Historia Natural de Ferrol

Este viernes 26 de abril a las 19:30 horas en el Museo de Historia Natural …