O Concello xestionará a entrega de material didáctico ás familias que o necesiten

O Concello de Ferrol continua poñendo en marcha medidas para apoiar a aqueles veciños que como consecuencia da crise sanitaria polo Covid-19 atópanse nunha situación de maior vulnerabilidade. Neste caso o alcalde, Ángel Mato, anunciou que a concellería de Educación, da que é titular Antonio Golpe, xestionará a entrega de material didáctico a aquelas familias que o necesiten e que non poidan adquirilo polos seus propios medios. O rexedor explicou que os pais que non dispoñan das ferramentas oportunas para que os seus fillos desenvolvan as súas tarefas escolares en boas condicións poderán comunicalo á dirección do seu centro educativo, que llo trasladará ao departamento municipal de Educación.

O Concello fará chegar ás familias o material que requiren coa colaboración da agrupación de Protección Civil. Nestes difíciles momentos, explicou Mato, ademais de protexer á cidadanía combatendo a propagación do Covid-19 coas labores diarias de desinfección dos establecementos aínda abertos ao público, desde as distintas áreas municipais “estamos a traballar para axudar a quen aumentou a súa vulnerabilidade como consecuencia da crise sanitaria”. O obxectivo, dixo, é “apoiar e facilitar” aos pais con menos medios “que os seus fillos poidan continuar a súa formación nesta situación excepcional”.

Carencia de medios materiais e tecnolóxicos

Antonio Golpe apuntou que dita iniciativa xorde porque desde a concellería “sabemos que moitos pais da nosa cidade non dispoñen nos seus fogares dos medios materiais e tecnolóxicos necesarios para que os seus fillos sigan as rutinas recomendadas polos centros”. Por elo, explica, “desde o Concello queremos satisfacer, na medida das nosas posibilidades, as súas carencias”. O confinamento “tamén é complicado para os nosos escolares e desde a súa institución máis próxima imos apoialos”.

Programas educativos en “Actividades na casa”

O concelleiro aproveitou para anunciar que a partir do próximo luns o seu departamento únese ao proxecto “Actividades na casa”, unha iniciativa que puxo en marcha o Concello hai uns días con propostas procedentes das distintas áreas municipais para desenvolver no fogar durante o tempo que dure o estado de alarma. Xa está dispoñible unha presentación na que os monitores explican as sesións que se atoparán no apartado Educación do Destacado Actividades na casa da web municipal (ferrol.gal).

A partir do día 6 ofreceranse vídeos de un ou dous obradoiros diarios, de luns a venres, de entre oito bloques temáticos diferentes: baile moderno, informática e robótica, teatro e contacontos, manualidades e reutilización de materiais domésticos, lingua de signos, pilates na casa e actividades físicas saudables, baile tradicional e percusión e, por último, cociña creativa.

Golpe explicou que as actividades estarán dirixidas principalmente ao alumnado de entre 3 e 12 anos de idade. “Poñemos a disposición dos pais iniciativas lúdicas que motiven aos seus fillos nestes difíciles momentos de confinamento”, dixo o concelleiro. É un “bo momento para fomentar a súa creatividade, o xogo, traballar a inclusión, incentivar hábitos saudables e educar en valores”.

Imaxes dos seus traballos

O Concello de Ferrol tamén pon a dispor dos usuarios dos obradoiros on-line da concellería de Educación a posibilidade de enviar imaxes das actividades que realizan, que serán publicadas na web municipal. Poderán enviarse ao correo educnacasa@ferrol.es

Lea también

Ferrol inicia el proceso para agilizar la contratación de personal

La concejala de Recursos Humanos, Susana Sanjurjo, avanzó que la Mesa General de Negociación aprobó las …