Breamo, o Medulio eumés

José Fonte Sardiña
Di o Libro da Xénese que Deus creou o mundo en seis días e, ao sétimo, descansou (cfr. Libro da Xénese, 1 e 2, 1-4). Contan en Pontedeume que o lugar que o Creador escolleu para o seu repouso foi unha illa situada no norte do océano Atlántico, que hoxe coñecemos como Irlanda. Aquel Deus de inmenso poder estendeu a súa enorme man dereita sobre as augas salgadas e entre os ocos dos seus dedos xurdiron catro marabillosas rías, as de Ares, Betanzos, A Coruña e Ferrol, coas que ningunha outra podía competir porque naceran do propio corpo carnal da divindade.

Dos antigos poboadores ártabros, cuxas terras este golfo bañaba, quedan abondas
pegadas como o chamado castro de Centroña ou de Perbes, que a Asociación Cultural
Ardóbriga teima con razón por que sexa declarado Ben de Interese Cultural. O torque
alí atopado en 1912 por un veciño, datado entre os séculos I e II antes de Cristo, é unha
das súas maiores xoias.

Contra o ano corenta do século I despois de Cristo, entrou polo golfo Ártabro a nave
trirreme dos romanos, que conquistaran estas terras, como nos narra Pomponio Mela na súa Chorographia. Os últimos celtas galegos que quedaran cercados no mítico monte

Medulio, por non se renderen e someteren ao xugo do Imperio Romano, cando se
decataron da súa extrema situación, enguliron o veleno que alí se obtiña das árbores
chamadas teixos despois de espremer as súas bagas cocidas. Ninguén sabe con certeza
en que lugar de Galicia se atopaba este lendario monte Medulio, polo que cada terra o
identificou coa súa montaña sagrada. Así pois, a resistencia dos ártabros sen dúbida tivo que ser baixo a protección do Breamo.

En Pontedeume temos no paseo marítimo un exemplar varias veces centenario desta
emblemática árbore, o teixo, que loita bravamente por non morrer. Así e todo, os
romanos, que nos impuxeron moitas cousas, non todas malas, e borraron boa parte da
pegada dos antigos poboadores da nova Gallaecia, deixaron un froito moi saboroso coa
súa invasión, o noso tesouro máis prezado, a lingua galega, labrada polo pobo ao longo
dos séculos, que cómpre conservar co mesmo entusiasmo, aínda que con máis éxito, que o demostrado polos heroes do Medulio.

É ben coñecido que os celtas e outros pobos prerromanos adoitaban construír nos cumes das máis altas montañas monumentos relixiosos porque alí se sentían máis preto dos deuses. Así pois, era natural que os ártabros o fixeran no lugar que eles chamaban Brigamo ―vén do celta e está composto da forma brig, que significa monte ou lugar elevado, e o sufixo superlativo amo, que equivale a supremo, monte supremo ou moi elevado, xa que logo−. Os restos etnográficos e toponímicos atopados nas Terras do Eume fanlle pensar ao conde de Quirós na moi alta probabilidade de que na cima do Breamo houbese algún monumento deste tipo, substituído en 1187 polo actual templo románico, onde conta unha lenda, relacionada co rosetón da fachada principal, que se lles apareceu o Neno Xesús na Noiteboa daquel ano aos seus primeiros custodios, once cabaleiros templarios.

Ademais, en moitos destes cumios foron erixidos santuarios coma o noso na honra de
san Miguel para lembrar a súa milagrosa aparición no monte Gargano, no sur de Italia, o oito de maio do ano 490, de aí que os eumeses celebremos unha das romarías nesa data e outra o vinte e nove de setembro co gallo da festividade dos tres arcanxos, Miguel, Gabriel e Rafael, fixada pola Igrexa.

Neste oito de maio non poderemos realizar os ancestrais ritos de dar as voltas arredor dacapela no sentido contrario ás agullas do reloxo ―tres, sete ou nove, consonte o
costume de cadaquén― e poñer o santo coa cruz celta ―que ten a figura en relevo do
arcanxo coa balanza de pesar as almas no centro―, sempre en lingua galega ―Santo
bendito che quite a enfermedá [sic] e che poña a sanidá [sic], polo amor [poder] de Deuse da Virxe María. Un Padrenuestro [sic] e unha Avemaría―, como o meu pai, tenaz practicante deles, e o meu padriño de San Miguel, Enrique Fraga, me aprenderon a facer sendo un neniño que aínda non cumprira os dous meses.

Poñer o Santo

Así e todo, comesto pola saudade, á hora da procesión, no meu corazón “breameiro
recluído en Compostela, soará, coma sempre, a marcha do Antigo Reino de Galicia, e
lembrarei aqueles versos que un día cantara Xosé María Pérez Parallé: “No San Miguel de Breamo, / o sol gaiteiro tocaba / os sones fortes e rexos / do himno da nosa Matria; / e no cumio, ergueita e ceibe, / a bandeira azul e branca”.

A ver se no de setembro podemos volver.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …