Chegará un Día das Letras Galegas para Ramiro Fonte

José Fonte Sardiña
Xa pasou o inverno, no que os castiñeiros, carballos, freixos, bidueiros, salgueiros e outros caducifolios que habitan as forestas atlánticas de Galicia quedaran espidos. Semella que tamén deixaremos atrás a longa reclusión e, malia que devagariño, recuperaremos as nosas vidas e por fin poderemos visitar outra vez as Fragas do Eume,onde comprobaremos que os tempos da primavera son chegados e que, alleas aocoronavirus, as follas volveron agromar nas pólas das árbores dos bosques que o nosorío baña e a chorima, “ergueita, brava e ceibe, como os galegos de raza” (Saraibas; “Chorima”), tinguiu un ano máis de amarelo o verdor cinguido da terra amada, como na bandeira de Pontedeume. E pasaron tamén xa os séculos escuros denunciados polo gran Curros Enríquez, nos que o pobo galego, a súa cultura e a literatura en lingua vernácula vivían nun inverno que parecía perpetuo: “Pasai, rapaciños, / calados e quedos; / q’ o qu’ é po-lo d’ hoxe / que darvos non teño. / Eu sónvol-o probe / d’ o povo gallego: / ¡pra min non hai mayo, / pra min sempr’ é inverno!”.

O Rexurdimento da literatura galega no século XIX, co que abrollaron os Cantares
Gallegos, nun dezasete de maio de 1863, “e naceu a poesía / galega con Rosalía
(Ramiro Fonte: “Ano de 1863”, en Xardín do pasatempo, Vigo, 2008, p. 109; a ilustración é de Jacobo Muñiz), foi coma un gran claro aberto no ceo para Galicia e o
anuncio dunha nova primavera para o seu pobo e a nosa lingua. Na mesma data, ben que cen anos máis tarde, en 1963, a Real Academia Galega comezou a celebrar o día das nosas letras.

Xardín do pasatempo

Eu, como Cunqueiro, “quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a
duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terreal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: Aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

O mellor autor literario nacido nas Terras do Eume, Ramiro Fonte, viu publicados os
seus primeiros versos en 1977 ―sendo estudante de Filosofía e Letras na Universidade
de Santiago de Compostela, no mesmo edificio da praza de Mazarelos no que anos
despois a min me falarían del naquelas vellas aulas da Facultade de Filoloxía― cos
cinco poemas de ‘Verbas para aprender a morrer ás tres da madrugada’ no libro colectivo “Cravo fondo”, onde xa asomaba o gran poeta que se confirmaría en obras
como “As cidades da nada” en 1983, “Designium” en 1984 (Premios da Crítica de
Galicia e Losada Diéguez), “Pensar na tempestade” en 1986, “Pasa un segredo” en 1988 (Premio da Crítica Española), “Adeus Norte” en 1991 (Premio Esquío), “Luz do
mediodía” en 1995 (Premio da Crítica Española), “O cazador de libros” en
1997, “Mínima moralidade” en 1997 (Premio Miguel González Garcés), “Capitán
inverno” en 1999, “Espazo para un signo” ou “A rocha dos proscritos” en 2005, e en
publicacións póstumas como “Reversos. Días adiados” e “Xardín do pasatempo”, en
2008, este último con ilustracións do tamén eumés Jacobo Muñiz.

Ademais do seu brillante ensaio “As bandeiras do corsario” de 1995, tamén estudou a
Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Avilés de Taramancos, Fermín Bouza-Brey, Manuel
María, Manuel Murguía, Aquilino Iglesia Alvariño, Rodríguez Baixeras, Manuel
Forcadela, Gonzalo Navaza, Luís González Tosar, Xulio L. Valcárcel, Hemingway ou o
noso paisano Couceiro Freijomil. Por outra banda, dirixiu edicións de obras de Luís
Pimentel, Ramón Cabanillas ou Celso Emilio Ferreiro.

O Premio Pedrón de Ouro recoñeceu en 1986 a calidade do seu primeiro relato
publicado, “O retornado”. Logo virían as “Catro novelas sentimentais” en 1988, “As
regras do xogo” e “Aves de paso” en 1990, “Os leopardos da lúa” en 1993, “Soños
eternos” en 1994, e a bendita triloxía “Vidas de infancia” ―“Os meus ollos” en 2003
(Premio Losada Diéguez), “Os ollos da ponte” en 2004 e “As pontes no ceo” en
2007―, onde florece, con todo o esplendor, o portentoso narrador que antes agromara, movendo por Pontedeume, con habelencia, rigor, boa memoria, tenrura e retranca, personaxes reais ―e algún imaxinario como o erudito local― da súa nenez e mocidade.

Ao meu ver, por esta prolífica e brillante traxectoria, Ramiro Fonte, malia que o destino nolo arrebatou moi prematuramente ―“A vida é un tafur impenitente / cunha soa obsesión: a de botarnos / un día, sen piedade, da partida”, deixara escrito no poema ‘Tres naipes’, en “Capitán Inverno”―, ben merece que a RAG, a douta institución á que pertenceu como académico correspondente, lle dedique un ano, a non moito tardar, o Día das Letras Galegas, pois é sen dúbida un dos grandes poetas universais do último cuarto do século XX e dos primeiros anos do XXI, e ademais un novelista sobranceiro e máis que notable investigador e ensaísta.

Lea también

«Ferrol 1916»

Julia Mª Dopico Vale El recién vivido Día das Letras Galegas guardaba para Ferrol y …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *