Os colexios de Narón rexistraron un total de 277 solicitudes de praza para educación Infantil no curso 2020/2021

Os colexios de Narón rexistraron un total de 277 solicitudes de admisión para cursar educación Infantil o vindeiro curso nos doce centros de ensino públicos e concertados da cidade. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que recordou que en conxunto se ofertaban 357 prazas para menores de 3 anos que comezan a súa escolarización na etapa de Infantil.

Os colexios da Solaina e A Gándara son os que contan cunha maior demanda, de 54 e 40 prazas, respectivamente, para alumnado de 3 anos. No resto de centros públicos as solicitudes de admisión foron de 21 prazas para o CPI do Feal; 20 para o CEIP Virxe do Mar; 18 para o CEIP Piñeiros e 15 para o CEIP Ponte de Xuvia. No referente ás escolas do Colexio Rural Agrupado de Narón (CRA), para o vindeiro curso contan cun total de 46 solicitudes, das que 25 se corresponden coa escola de Domirón; 17 coa do Val e as 4 restantes coa de Sedes.

A maiores, os tres centros de ensino concertados da cidade suman un total de 63 solicitudes de praza para menores de 3 anos, rexistrando a maior demanda o CPR Santiago Apóstol, con 25, seguido do CPR Ayala con 21 e o CPR Jorge Juan coas 17 restantes.

En canto ás prazas que se ofertaban, a cifra é de 25 para os colexios do Feal, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Virxe do Mar, Ayala e Jorge Juan e de 50 no caso dos da Gándara, A Solaina e Santiago Apóstol. No referente ao CRA, en Domirón dispoñíase de 25 prazas, ao igual que no Val, e na escola de Sedes dun total de 7.

Á vista da situación, tan só no caso do CEIP da Solaina, con 54 solicitudes e 50 prazas para menores de 3 anos, é preciso realizar a pertinente baremación, tal e como apuntou Ferreiro.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …