O Concello de Narón abrirá en xullo o prazo de inscrición nas actividades do programa de “Envellecemento activo”

O Concello de Narón manterá no vindeiro curso 2020-2021 as actividades enmarcadas no programa de Envellecemento Activo, dirixidas a veciñas e veciños da cidade maiores de 60 anos. A concelleira de Acción Social, Catalina García, explicou que aquelas persoas maiores de 60 anos que estean apuntadas este mes, teñan as cotas ao día e non soliciten a baixa, non terán que volver a anotarse, quedando prorrogada a súa inscrición.

No caso de que queden vacantes tamén poderán participar neste programa persoas menores de 60 anos empadroadas no concello naronés que acrediten cun informe médico a conveniencia de realizar a actividade adaptada a esa idade e non estar imposibilitados físicamente para realizalas. Tamén poderán anotarse persoas non empadroadas en Narón maiores de 60 anos ou menores que reúnan os requisitos anteriores, por orde de inscrición.

Os trámites para inscribirse, a partir do 1 de xullo, poden realizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Narón ou de modo presencial, neste último caso, solicitando cita previa no número de teléfono 981 102 152 para acudir ás oficinas do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. Para as actividades de ioga, ximnasia rehabilitadora, memoria e coral a solicitude de inscrición debe presentarse co modelo oficial do Concello, que se pode obter na Sede Electrónica do Concello ou nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.

García animou ás persoas ás que se dirixe este programa a participar no mesmo. “Continuaremos coas actividades o vindeiro curso, para o que é moi importante que todas e todos manteñamos as pautas de seguridade de prevención fronte ao coronavirus porque é responsabilidade común atender as indicacións das autoridades sanitarias para avanzar na desescalada e ir retomando con todas as precaucións a nova normalidade”, asegurou a concelleira de Acción Social.

Lea también

En Narón-El sorteo del «Euromillón» premia un boleto, con un millón de euros, sellado en un bar de Freixeiro

El sorteo del Euromillón de este martes, día 22 , ha dejado un premio de …