Ánxeles Vázquez anima aos galegos a desfrutar dos parques naturais “con sentidiño” para garantir a seguridade

Ánxeles Vázquez e Diego Calvo visitaron na mañá deste domingo o parque natural das Fragas do Eume para poñer en valor a seguridade e as garantías sanitarias deste espazo, un destino “idóneo” para desfrutar da natureza sen riscos de contaxio.
Durante a visita, acompañados tamén por voceiros e alcaldes do Partido Popular na comarca, salientou que dende este luns se manterán todos os protocolos postos en marcha dende a súa reapertura a mediados do mes pasado.

Para a conselleira de Medio Ambiente, cabeza de lista do PP da Coruña ás próximas eleccións autonómicas, o bo estado e o bo funcionamento do parque natural “é boa proba do compromiso da Xunta de Galicia co medio ambiente”. Neste senso, lembrou que, pese a pechar ao público en canto se declarou o estado de alarma, os traballadores e persoal do parque continuaron traballando en todo momento a porta pechada.

 

Así, as actividades de atención ao público tanto no centro de interpretación coma nas rutas guiadas, foron substituídas por outras como a elaboración de manuais de boas prácticas, de guías de sendeirismo recomendadas, de xogos ou actividades ou a revisión e proposta de mellora da páxina web do parque natural. Do mesmo xeito, traballouse na preparación de fichas didácticas e obradoiros e no deseño de novas rutas con guía.

Tamén durante os dous meses no que estivo pechado o parque, leváronse a cabo traballos de mantemento da contorna centrados na conservación, sinalización e limpeza que, no caso das Fragas do Eume comezaron o 14 de abril e supuxeron o desbroce de 0,68 hectáreas de monte, o corte de 0,4 hectáreas de herba e a retirada de madeira na estrada de Monfero.

Tanto Vázquez como Calvo puxeron o valor o traballo realizado polo persoal ao servizo da Consellería de Medio Ambiente, e aseguraron que os protocolos elaborados pola propia Xunta e as medidas de seguridade relativas ao mantemento das distancias ou o control de entrada de visitantes para evitar aglomeracións manteranse todo o tempo que sexa necesario.

A nova normalidade

O presidente provincial do Partido Popular na Coruña, Diego Calvo,  insistiu na importancia de retomar a normalidade “con sentidiño” e situou os parques naturais como o das Fragas do Eume como un destino idóneo para gozar do aire libre sen riscos para a saúde.

Lea también

A Feira Cabalar do 23 de abril encherá Moeche de milleiros de visitantes

A Asociación Ecuestre 23 de Abril, organizadora do evento, premiará os animais que mellor desempeño …