A vida de Xoán o Bautista no seu retablo da igrexa de Santiago de Pontedeume

José Fonte Sardiña
A primeira referencia documental que eu coñezo da capela de San Xoán Bautista da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume aparece no traslado realizado polo escribán Pedro Varela, o vinte e cinco de xuño de 1588, do testamento outorgado o vinte e nove de xuño de 1530 por “Alonso de Noguerido vecino é rexidor que fué desta villa dela Puentedeume apedimiento de Alonso de Piñeiros Maiordomo de la Capilla de San Juan Bautista […], sita en la Yglesia maior de santiago desta villa de la Puentedeume que hizo fundó y edificó Alonso de Noguerido el Viejo vecino e rexidor que fué desta villa de la Puentedeume” (Tomado de Carlos de Castro Álvarez e Juan Carlos Vázquez Arias: La iglesia de Santiago de Pontedeume. Historia y patrimonio artístico, A Coruña, 2003, p. 132). No testamento, manda “que mi cuerpo y carnes pecadoras sean sepultadas dentro de la Yglesia de Santiago de esta dicha villa de la Puentedeume en la Capilla de Sant Juan Bautista que yo é Maria Rodriguez mi muger hizimos y edificamos en la dicha Yglesia” (Idem, p. 133). Algo máis de corenta anos antes, tamén fora enterrado no templo parroquial de Pontedeume o conde don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, cuxo sartego aínda se conserva hoxe no lado do Evanxeo da capela maior na que quixo repousar para sempre, consonte pedira no testamento que outorgara o trinta de agosto de 1540.

Sepulcro Fernando de Andrade

Co gallo da reedificación do templo parroquial, cuxas obras, sufragadas polo arcebispo
Rajoy, comezaron en 1756 e remataron en 1763, o Concello de Pontedeume, como
patrón desta capela de San Xoán Bautista, decide, nese mesmo ano, trasladar o vello
retablo, realizado en 1550, á capela da Vera Cruz, xa que “la nueva capilla segun forma de la Yglesia no se puede en manera alguna colocar” [así se recolle no Libro de acordos da obra pía de Noguerido, caixa 252, folios 391v e 392, conservado no Arquivo
Municipal de Pontedeume], e encargarlle a execución dun novo retablo ―que se atopa
actualmente no lado da Epístola da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, entre a imaxe de san Cristovo e a capela da Santísima Trindade―, por catrocentos ducados, ao escultor compostelán Alexandro Nogueira.

Na escena en relevo da Visita da Virxe á súa curmá Isabel, esta aparece na porta da casa para recibir a María cunha agarimosa aperta e unha mirada de complicidade, que son correspondidas pola nai de Xesús. A man dereita da Virxe acaricia o ombreiro esquerdo da súa prima e tamén se pode ver a man esquerda desta sobre o ombreiro daquela. Isabel mostra no rostro a pegada dos seus moitos anos, viste unha camisa dourada con incrustacións en púrpura e unha longa saia estampada que lle tapa os nocellos e deixa ver o zapato escuro do pé esquerdo, e cobre a cabeza cunha touca branca. María, cunha faciana que desvela que é bastante máis nova, recibe compracida a calorosa acollida da súa prezada parente, viste unha longa túnica branca que lle chega ata os pés, pola que asoma o zapato dereito, cinguida por un cinto dourado, e tamén un amplo manto azul, que alude á súa pureza e virxindade, con adobíos de ouro, co que cobre a cabeza e que lle cae polos ombreiros e lle chega ata o chan. Ambas as dúas deixan ver a súa preñez, que lles fora anunciada polo arcanxo Gabriel, primeiro a Zacarías, o home de Isabel, e despois a María ―representada no retablo pictórico do altar maior da igrexa parroquial eumesa― (Cfr. Lucas 1, 5-45).

Seguindo unha orde cronolóxica, Alexandro Nogueira representa no ático do retablo a
escena, tamén en relevo, da Circuncisión de Xoán. En primeiro plano aparecen dúas mozas, unha co cabelo descuberto e sentada co neniño no colo, e outra
axeonllada, cun turbante dourado, que semella que serán as encargadas de facerlle a
circuncisión a Xoán, o Precursor de Cristo. Detrás das mulleres, de pé, podemos ver
dous varóns barbados; o que está no centro é, sen dúbida Zacarías, o pai do Bautista, e
ten á súa esquerda ao que podería ser un sacerdote do templo ou un familiar. No recanto superior esquerdo, un pouquiño afastada da escena principal, colocou Alexandro Nogueira a Isabel, cun vestido escuro, con incrustacións e reberetes dourados, e unha touca branca, que leva as mans ao ventre do que había oito días que saíra o seu fillo Xoán, como conta Lucas no Evanxeo (Cfr. Lucas 1, 13-66).

Consonte o relato diacrónico que concibira, Alexandro Nogueira dispuxo no lado do
Evanxeo a escena en relevo do Bautismo de Xesús. Nun relanzo do Xordán, con tan
pouquiño calado que non lle cobre nin os pés nos que leva unhas modestas sandalias
escuras, aparece en primeiro plano Cristo, case espido, só tapado por un escaso pano de pureza e un manto púrpura con incrustacións e reberetes dourados que suxeita coa man esquerda e bica a auga do río. O seu corpo robusto e forte, que deixa ver ben a súa
nudez, parece totalmente entregado a Deus Pai, xa que leva as mans ao corazón, como
mostra de aceptación da vontade divina, e inclina levemente o rostro moreno, con
longos cabelos escuros e barba recortada, ao lado esquerdo, onde se atopa Xoán, que,
cunha cuncha de vieira, lle bota encima as augas bautismais. Ata o século XIII, esta
escena representaba o bautismo por inmersión que recolle a tradición; así e todo, desde aquela, comezouse a utilizar a cuncha de vieira xacobea coa que Xoán vertía a auga do Xordán sobre a cabeza de Xesús Cristo. Xoán, o Precursor, cos brazos, os pés, a perna esquerda e o peito espidos, cobre o resto do corpo cun manto de pel de camelo, que suxeita coa man esquerda; xira levemente, cara á dereita, o seu rostro moreno, barbado e con longa melena escura, para mirar a Cristo con mimo e ergue a man dereita, coa que suxeita a cuncha de vieira, para botarlle a auga bieita enriba. Contempla a escena desde o alto unha pomba dourada que representa ao Espírito Santo (Cfr. Lucas 3, 15-22). Así aparece tamén representada esta escena no óleo que preside o retablo da capela do Baptisterio, na que tiven a honra, como a maioría dos eumeses, de ser bautizado, que se dispón á entrada do templo parroquial, no lado da Epístola.

Preside o retablo, na fornela que se dispón no corpo central, sobre unha peaña dourada e verde, a talla de Xoán o Bautista, cuberto cunha pel de camelo que lle deixa  espidos os brazos, o peito, as pernas e os pés. O seu rostro, barbado e con longa melena, mostra unha grande expresividade, nomeadamente nos ollos. Disponse en actitude de camiñar, xa que é o Precursor de Cristo, adiantando levemente a perna esquerda. Ergue o brazo dereito e bendí ao pobo con esta mesma man; coa esquerda, suxeita un lábaro cunha bandeira verde con reberetes dourados no que vai gravada en letras de ouro a lenda Ecce Agnus Dei [Velaí o Año de Deus]. Á súa esquerda, un tronco de árbore negro sostén o Libro dos Evanxeos aberto e sobre el aparece o Año de Deus que arrinca o pecado do mundo, que representa a Xesús Cristo, que é o que virá despois del para bautizar co Espírito Santo e con lume (Cfr. Marcos 1, 1-5).

Co recordo da festividade de San Xoán e a saudade dos folións desa noite meiga, fago
eu hoxe este artigo en memoria do meu tío Juan Sardiña, que levaba o nome do
Precursor e que tamén o foi para min, preparándome o camiño na vida e endereitando os meus vieiros co seu exemplo.

Lea también

Sin esperanza en la nueva normalidad

Pedro Sande García ¿Se han preguntado ustedes que quiere decir lo que se ha denominado …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *