O Concello de Narón publica a listaxe de solicitudes aprobadas, denegadas e subsanables do programa municipal “Narón impulsa”

O Concello de Narón publicou este martes a proposta provisional do programa municipal “Narón impulsa” na que se recollen as listaxes das empresas admitidas para a obtención destas subvencións, as inadmitidas e as que teñen que subsanar erros na documentación presentada ou aportar máis documentos. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou que as empresarias e empresarios da cidade que solicitaron estas subvencións, creadas para minimizar o impacto económico da Covid-19 no sector, dispoñen dez días de prazo –dende este mércores ata o 21 de xullo, incluído- para proceder a subsanar os erros detectados ou aporten a documentación requerida, que se especifica en cada un dos casos. O listaxe pode consultarse na Sede
Electrónica do Concello, a través do enlace:
https://sedeelectronica.naron.es/siac/Tablon.aspx e tamén na web do Concello: www.naron.es.

Tres listaxes

O documento consta dun total de tres listaxes, nas que se contemplan a totalidade das solicitudes presentadas ás subvencións deste programa, dotado inicialmente cunha partida económica de tres millóns de euros. A alcaldesa explicou que no primeiro dos anexos están as empresas propostas como beneficiarias, que reúnen todos os requisitos e documentación que se esixiron para poder acceder a esta convocatoria. Nesa situación, indicou, atópanse un total de 59 solicitudes.

No anexo II están as solicitudes que resultaron desestimadas por incumprir os requisitos que establecía a convocatoria –especificados en cada caso- , sumando un total, apuntou Ferreiro, de 57 e, por último, no anexo III recóllense as restantes 634 solicitudes, de persoas que non achegaron a totalidade da documentación esixida na convocatoria e especificando tamén a documentación requerida a efectos de subsanación no prazo establecido.

Concesión de 59 axudas

“Nesta listaxe provisional contémplase a concesión de 42 axudas por importe de 2.000 euros; 13 de 3.000 euros e 4 de 4.000 euros, do total das 59 aprobadas nesta listaxe.

A práctica totalidade das solicitudes que figuran neste listado como subsanables, unhas 600 das 634, presentaron dun xeito incorrecto a documentación, pero dispoñen destes dez días de prazo para poder achegar os documentos pertinentes para acceder ás subvencións, que confiamos en que poidan chegar ao maior número posible de empresas, microempresas e autónomos da cidade, fin para o que se habilitaron”, subliñou Ferreiro.

As persoas que desexen contactar con departamento de Tesourería para solventar algunha dúbida poden chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1408 e 1406) e para outra documentación, co Servizo Sociocomunitario, no mesmo teléfono e nas extensións 1123, 1110 e 1114.

Unha vez transcorrido o prazo de dez días, tal e como recordou Ferreiro, co informe do Servizo Instructor a nova proposta levarase á Comisión de Valoración para que a someta a aprobación do órgano competente e se publique novamente.

As subvencións do programa son de 2.000 euros para persoas físicas ou xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo ou con ata dous traballadores/as a 1 de marzo deste ano; de 3.000 para persoas físicas e xurídicas con entre 3 e 9 traballadores/as tamén a 1 de marzo e, por último, de 4.000 euros para o mesmo colectivo pero cun cadro de persoal de entre 10 e 49 empregados/as a 1 de marzo deste ano. Aquelas persoas que reciban as subvencións do programa “Narón impulsa” deberán presentar no mes de xaneiro do vindeiro ano documentación xustificativa de que cumpriron as
obrigas establecidas nas bases desta convocatoria.

Lea también

Aberta a inscrición na primeira andaina deste ano en Narón do programa “Ponte en ruta con nós”

O Concello  de Narón mantén aberto, ata mañá  mércores 24 o prazo de inscrición na …