Cosma adxudicou as obras de reforzo da rede de saneamento nun tramo da estrada de Castela, en Narón

 A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu ao mediodía deste xoves unha reunión do Consello de Administración de Cosma, que se celebrou no Concello e na que participou a través de videoconferencia a parte privada da citada empresa mixta. Na sesión anunciouse a adxudicación da obra de reforzo da rede de saneamento na estrada de Castela, que suporá un investimento de 108.653 euros, tal e como anunciou a rexedora local. Así mesmo, indicou que a previsión é iniciar os traballos a mediados do vindeiro mes de agosto para que nun prazo de tres meses poidan estar rematados.

A actuación, según explicou Ferreiro, consistirá na “renovación e ampliación da capacidade hidráulica da rede de saneamento localizada nun tramo da estrada de Castela, concretamente no comprendido entre o Camiño do Pino e o parque de Freixeiro e nunha das marxes, na dereita, en dirección dende o Concello cara a Freixeiro”. A intervención consistirá na ampliación dos diámetros tanto da tubaría que se procederá a renovar como do colector instalado na zona.

Unha vez executados os traballos, asegurou a rexedora local, “solventaranse os problemas que puntualmente se detectaban neste tramo da rede, ao evitar as sobrecargas que se rexistraban no colector en tempadas de choivas torrenciais”.

Ferreiro recordou que “con estes traballos mellorarase o servizo do que se benefician as vivendas localizadas no tramo, as máis próximas á estrada de Castela e as de todas as rúas perpendiculares desa mesma marxe, como o Camiño do Pino, as rúas Chantado, Murillo, Velázquez, San Andres…”.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …