Un Feirón Medieval moi especial que non poidemos celebrar en Pontedeume

José Fonte Sardiña
Neste sinistro bisesto do coronavirus, o trinta de decembro, Pontedeume celebrará os venturosos sete séculos e medio pasados desde que Afonso X o Sabio (1252-1284), “pola graza de Deus rei de Castela, Toledo, León, Galicia, Sevilla,Córdoba, Murcia, Jaén e do Algarbe” (Tomado e traducido de Isidoro Millán González Pardo:  Toponimia del Concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz, A Coruña, 1987, p. 190), mandara fundar ex novo a vila, por un privilexio asinado en Guadalajara, que respondía a unha petición realizada polos habitantes das terras de Pruzos e Bezoucos, entre outros os de Centroña, Boebre, Leiro, Carantoña, Doroña, Grandal, Paderne, Piñeiro, Laraxe, Franza, Maniños, Magalofes, Sillobre, Perlío…, “que recibían moitos males e moitas inxustizas por parte de cabaleiros, escudeiros e outros homes malfeitores que lles roubaban e lles tomaban o que era seu sen eles o consentiren, e que nos pediron que lles désemos un lugar, o que tivésemos por ben, para o poboar e que lles outorgásemos os nosos reguengos” (Idem, p. 191).

Este documento fundacional da vila fora confirmado por posteriores privilexios de
Fernando IV (1295-1312), do cinco de marzo de 1306, e Afonso XI (1312-1350), do vinte e catro de xullo de 1345, neto e bisneto, respectivamente, do rei Sabio. Malia que
Xoán II (1406-1454), o nove de maio de 1434, e Henrique IV (1454-1474), o dezasete
de marzo de 1464 ―este último documento, na imaxe, consérvase no Concello de
Pontedeume― confirmaron tamén o privilexio de 1270, a vila pasou a depender en
1371 directamente da Casa de Andrade por outro privilexio asinado en Burgos polo rei
Henrique II (1369-1379) en favor de Fernán Pérez de Andrade o Bo, o seu primeiro
señor.

Naquel privilexio de 1270, o rei Sabio dicíalles aos habitantes das terras de Pruzos e
Bezoucos que solicitaran a súa protección que por os compraceren e “para que a terra
estea mellor poboada e se impoña a xustiza nela dámoslles e outorgámoslles os nosos
reguengos e todos os nosos dereitos que temos e debemos ter nesta terra e nestas
freguesías antes ditas, e que os teñan libres de cargas por sempre xamais, agás o
padroado das nosas igrexas que retemos para nós, e que teñan a renda deles, a que nos adoitaban dar a nós ou ao rico home que tiña a terra no noso nome, e agás o portádego dos barcos e dos navíos que alí tomaren porto ou que alí viñeren pescar doutros lares, pero os seus poboadores puideren pescar libremente polo mar, que pesquen libremente sen outra carga, e que non dean o portádego nin dereitos ningúns do que pescaren cos seus navíos na vila nin no seu alfoz […]. De tal maneira que eles poboen o lugar que din Pontedeume e que fagan alí unha vila […]. E tamén lles outorgamos que fagan alí mercado cada mes e que todos aqueles que alí viñeren que veñan e volvan seguros así como a todos os outros mercados do noso reino. Tamén lles outorgamos o foro de Benavente para seren xulgados” (Idem, p. 191).

Na primeira fin de semana de xullo, Pontedeume viña celebrando, desde hai xa máis dunha década, o Feirón Medieval dos Andrade, no que se rememoraba a fundación da vila, a concesión do rei Henrique II o das Mercedes do señorío de Pontedeume a Fernán Pérez de Andrade o Bo, a revolta irmandiña de 1431 contra o terceiro señor da vila Nuno Freire de Andrade o Mao, acaudillada por Roi Xordo, a participación do noso oitavo señor, o conde Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas na batalla de Seminara, que o fixo merecente do título de príncipe de Caserta e de incorporar as dezaoito bandeiras gañadas no combate ao seu escudo, e a súa reclamación, en 1520, diante do rei Carlos I de España, de voz e voto para Galicia nas Cortes Xerais, ou a fusión das Casas de Andrade e de Lemos na persoa de Pedro Ruiz de Castro e Andrade, en 1576, despois do pasamento do seu pai, o conde de Lemos, Fernando Ruiz de Castro Osorio e Portugal, cando os novos señores, en opinión de Couceiro Freijomil, lle negan os factores de prosperidade que os Andrade lle subministraban á vila e se limitan a vivir a conta dela, minguando así bastante a súa antiga sona e o seu esplendor (Foto de Carmen Rodríguez Pena).

Este ano tan especial, no que os eumeses celebraríamos os sete séculos e medio da
fundación da vila, a maldita pandemia non o permitiu.

Así e todo, seguiremos contando nas nosas casas as fermosas lendas medievais que
aprendemos de nenos, como a do anel que san Rosendo guindou ao río Eume e apareceu nas entrañas dun reo, a do neno que atoparon na capela de San Miguel de Breamo no Nadal de 1187, a que conta como foron salgadas as augas do Esteiro do Eume, a que fala da construción por Fernán Pérez de Andrade o Bo de sete pontes, sete igrexas, sete mosteiros e sete hospitais no Camiño Inglés, as dúas versións da construción da nosa ponte medieval que fixeron que os máis retranqueiros chamasen á nosa vila Ponte do Demo no canto de Pontedeume, a da serea das Mirandas, a do Castelo da Fame no que morreron de inanición Elvira e Mauro, a de Roxín Roxal ―na versión de Benito Vicetto aquel heroe eumés convértese en efémero rei de Galicia―, a de Roi o paxe parricida do castelo de Andrade, a de Vasco o Trobeiro, a do gaiteiro e os lobos nas Fragas do Eume ou as dos milagres de san Nicolás―na ilustración realizada por Siro―, que chegaron a nós, envoltas na néboa do tempo, transmitidas polos nosos devanceiros de xeración en xeración.

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …