A Xunta concede unha subvención para o proxecto “Narón, produtos da ría”

 O Concello de Narón recibiu unha subvención de 84.458 euros para continuar desenvolvendo o proxecto “Narón, produtos da ría” durante este ano e o 2021. O edil de Promoción Económica, David Pita, indicou que dende a administración local se solicitou á Consellería do Mar esta subvención “para sufragar o 80% dos gastos dun proxecto máis ambicioso, que está orzamentado en 122.452 euros, aportando a cantidade restante para completar o importe total dende as arcas municipais”.

Con este proxecto continuaremos apostando dende o Concello por poñer en valor os produtos da nosa ría, apoiando a un sector que nestes momentos está atravesando unha situación complicada e co que tamén nos queremos implicar dende o goberno local”, asegurou Pita. O edil naronés indicou que “se tratará de implicar tamén ao movemento asociativo e ao sector hostaleiro da nosa cidade, considerando que poden xogar un papel fundamental neste proxecto no que queremos que participe toda a cidadanía”.

Accións formativas, publicitación do proxecto e exaltación de produtos da ría, entre os máis destacados cinco especies de marisco de gran calidade que se capturan nesta ría: ostra salvaxe, zamburiña, ameixa rubia, mincha e carneiro, formarán parte desta iniciativa, tal e como recordou Pita. O obxectivo final é “continuar desenvolvendo dende o Concello accións encamiñadas a difundir a riqueza dos produtos da ría, artellando diferentes accións en colaboración cos sectores implicados e coa cidadanía en xeral e no que xogará un papel fundamental o Club Narón Gastronómico, creado no seu día para impulsar iniciativas como as que se desenvolven a través do proxecto “Narón, produtos da ría”. A axuda, procedente do Fondo Europeo Marítimo de Pesca solicitouse ao abeiro das estratexias de Desenvolvemento Local Participativo aprobadas pola Consellería do Mar aos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP).

Lea también

Narón conmemora o Día Internacional do Libro cun “Pequeno obradoiro literario”

Os nenos interesados en participar no Pequeno obradoiro literario organizado na Biblioteca municipal de Narón poderán …