O BNG leva ao pleno unha moción sobre a política e as bonificacións fiscais en Ferrol

Iván Rivas y María do Mar López en rolda de prensa antes da pandemia | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol leva ao pleno municipal os retrasos na concesión de bonificacións fiscais e presenta unha moción na que esixe ao goberno local a que resolva de xeito inmediato as solicitudes de bonificacións fiscais acumuladas desde inicios deste ano e que aínda están sen resolver. Asi mesmo pidelle ao goberno local que as aplique con carácter retroactivo «co fin de que os usuarios que tiñan dereito a estas bonificacións non teñan que pagar os meses transcorridos entre a súa solicitude e a concesión das mesmas que neste caso son máis de 8 meses por causa exclusivamente do retraso na súa tramitación«.

O portavoz do BNG, Iván Rivas, considera que o goberno local «debe presentar unha nova proposta de ordenanzas fiscais, para o exercicio fiscal 2021, revisando as bonificacións de cara a axustalas as necesidades e realidades sociais e económicas dos veciños e veciñas da nosa cidade e así o pide noutro dos acordos desta moción«.

O BNG «leva meses advertindo da paralización, por parte do goberno local, da concesión de bonificacións das ordenanzas fiscais desde inicios deste ano e considera inxustificábel a situación na que se atopan moitos veciños e veciñas de Ferrol diante do retraso acumulado nestas tramitacións nomeadamente de auga e os seus derivados (saneamento, etc) o que provoca que teñan que seguir facendo fronte a facturas elevadas por estes servizos«.

Moi ao contrario do que acontece co tratamento destas bonificacións o PSOE «está a emitir puntualmente os recibos de auga, saneamento que recaudan as empresas privadas que xestionan estes servizos na cidade, así como recibos estimados para o cobro do abastecemento de auga, saneamento e depuración moi por riba do consumo real«.

Estes recibos supoñen «centos de euros ao mes que son inasumíbeis para unha parte substancial da poboación que ve como diante da estreita marxe que teñen para poder acceder a estas bonificacións as súas solicitudes non son atendidas. Este comportamento demostra que contamos cun goberno local que prioriza sanear as contas das empresas a atender as necesidades máis básicas da cidadanía«.

Dende o BNG afirman que «hai que ter en conta que estas bonificacións se están a aprobar sen carácter retroactivo e que por tanto o goberno local está a penalizar gravemente aos veciños e veciñas que as solicitan sen que por parte do alcalde da cidade se asuma ningún tipo de responsabilidade«.

As ordenanzas actuais «non atenden nas súas bonificacións as demandas da realidade actuais, son obsoletas e escasas, por iso, para o BNG que o goberno local non tramitara a elaboración duns orzamentos municipais para o ano 2020 é unha eiva importante como tamén o é que renunciara a elaborar unha política fiscal propia«. Iván Rivas afirma que unha das cuestións básicas na política económica da administración local son as ordenanzas fiscais, «que se exerce sobre os veciños e veciñas do Concello, polo que entende que o goberno local debe presentar unha proposta de Ordenanzas Fiscais para o ano 2021, lembrando que a última revisión das mesmas é do ano 2016 e moitas veñen do goberno do Partido Popular«.

O BNG considera que as ordenanzas fiscais «deben ter en conta aspectos fundamentais e deben ser a base para desenvolver unha política económica diferente, unha política económica que se basee en atender os intereses dos veciños e veciñas, e polo tanto reverter dinámicas adoptadas en anteriores mandatos que incrementaron a presión fiscal aos veciños e veciñas e proceder a unha revisión en profundidade das bonificacións existentes na actualidade que son obsoletas e non se axustan as necesidades e realidades sociais e económicas dos veciños e veciñas da nosa cidade«.

Lea también

Julián Reina revisó en el rural la conexión TDT y dará parte a la Xunta

El concejal de Urbanismo, Julián Reina, acompañado por técnicos municipales, revisó en el día de …