No Pazo da Cultura de Narón. Este finde, «Milladoiro», teatro e espectáculo infantil

O grupo de música folk Milladoiro actuará este venres, ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. Trátase dun concerto de apertura das Escolas Tradicionais do Padroado da Cultura e no que a formación presentará o seu último traballo, “Atlántico”.

O concerto terá unha duración aproximada de hora e media, un tempo no que o público poderá escoitar este traballo, o primeiro gravado nun estudo que publica esta agrupación musical nos últimos doce anos. O disco conta cunha ducia de cancións nas que se constatará a permanente renovación dos integrantes de Milladoiro.

As entradas dispoñibles poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura ou a través da páxina web do Padroado: www.padroadodecultura.es. O prezo é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 en tarifa reducida, esta última para persoas desempregadas ou estudantes (ata 25 anos)

O sábado, teatro

O teatro tamén regresará ao Pazo este sábado, día 3, coa representación da obra “Deje su mensaje después de la señal”, da compañía Tanttaka Teatroa. A cita será ás 20.00 horas e o público poderá ver unha historia en catro voces, protagonizada por catro mulleres que confesan os seus problemas a través dun contestador automático, en lugar de enfrontarse a eles cara a cara.

As entradas teñen un prezo de 14 euros para o público xeral e de 9,80 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (Ata 25 anos).

O domingo, programación infantil

A programación infantil tamén terá un espazo esta fin de semana no Pazo da Cultura, concretamente o domingo día 4, co espectáculo “Rock en familia. Descubriendo a The Beatles”, da compañía I Wanna Management SL.

A través da música en directo toda a familia poderá gozar das cancións de artistas e grupos relevantes da historia do rock e tamén mediante contacontos e unha gran banda tributo se descubrirá a The Beatles, a banda máis encomiada pola crítica na historia da música popular.

As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público familiar; 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (Ata 25 anos) e de 6,65 para menores de 14 anos.

Lea también

Ferreiro e Rey Varela valoran a desmontaxe das líneas de alta tensión entre Narón e Ferrol

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de …