Os boliños de san Nicolás no día da súa festa en Pontedeume

José Fonte Sardiña

Refire a historia que un incendio asolou a vila de Pontedeume o día once de agosto de 1607 e que a deixou, segundo o informe pedido polo gobernador e capitán xeneral de Galicia don Diego das Mariñas, “toda queimada e abrasada, que parece que arderon máis de trescentas casas e con elas a igrexa maior […] e que o lume foi tal que non deixou en toda a dita vila máis ca dez ou doce casas pequenas, e a primeira vista puido observarse que algúns veciños pobres fixeron unhas choupaniñas de pouco durar e que se acollían nelas, e que os demais veciños saían ás aldeas da bisbarra e provisionalmente vivían alí”. O propio rei Filipe III (1598-1621) exime á vila de certos tributos o vinte e catro de setembro de 1609 para facerlle fronte á catástrofe. Así e todo, a lendaria tradición conta que, cando o lume xa fixera estragos, os frades agostiños decidiron arrebolarlle unha reliquia de san Nicolás que o conde de Vilalba Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas trouxera de Italia case un século antes e nese intre as chamas comezaron a minguar e o incendio quedou sufocado (Sepulcro de Fernando de Andrade na capela maior da igrexa de Santiago de Pontedeume).

No ano 1621, outro incendio, seica desta volta non tan grande, volveu golpear a vila de
Pontedeume. Para aplacalo, conta a lendaria tradición e tamén un documento de 1752
recollido no Libro Rexistrador de Propiedades do Concello que “non tanto recorreron
ás forzas humanas, como á providencia do Señor, valéndose para iso dos méritos e
protección do Glorioso Señor San Nicolás de Tolentino, a quen […] sacaron en
procesión, e logo milagrosamente cesou a voracidade daquel elemento abrasador”
(Debuxos de Siro López publicados no libro San Nicolás de Tolentino. Co-patrono de
la Villa de Pontedeume, Pontedeume, 1997, p. 1 e 30, editado por iniciativa do vicario
dese ano 1997, Celestino Sardiña, meu tío).

Como sinal de agradecemento, a Corporación Municipal, en sesión de dezanove de
xuño de 1621, decidiu que “desde o presente día en adiante, para todo tempo de sempre xamais, haberemos e teremos, e esta Vila haberá e terá polo seu protector e avogado ao glorioso San Nicolás de Tolentino, co Santo Apóstolo Señor Santiago, patrón principal dela e de toda España”. O un de setembro dese ano, o arcebispo de Santiago Juan Beltrán de Guevara concede a autorización canónica para que a vila de Pontedeume tomase por copatrón a san Nicolás de Tolentino e outórgalles corenta días de indulxencia aos que xaxuasen a véspera da festa e interviñesen na procesión, misa e sermón (Imaxes pétreas de san Nicolas e o apóstolo Santiago o Maior).

O quince de maio de 1622 o Concello de Pontedeume formalizou o compromiso do
Voto e o nomeamento de san Nicolás como copadroeiro, despois da autorización do
arcebispo, e o día seguinte realizou o Voto e xuramento na igrexa do convento eumés de Santo Agostiño, nos que xa se facía referencia aos “panciños que se adoita e se ten
costume bendicir aquel día e festa” (Convento agostiño de Pontedeume).

Desde aquela, cada ano, o día dez de setembro Pontedeume celebra o Voto a san
Nicolás de Tolentino e alí se reparten uns boliños bieitos que os eumeses usamos como reliquias que nos serven de protección contra o lume. Un vicario corre cos gastos da celebración e, se non hai ningún, asume o encargo o Concello (Boliños de san Nicolás).

O costume de repartir os boliños milagreiros bieitos vén, segundo a tradición, dun
milagre que a Virxe María lle fixo ao santo cando este padecía unha grave doenza.
Malia que os seus superiores no convento lle mandaron tomar unha dieta máis rica en
vitaminas cá moi austera e case miserenta que prescribía a Orde agostiña para os seus
frades, san Nicolás de Tolentino non melloraba nada ata que se lle apareceu un día a
Virxe María e lle dixo que só comese un boliño de pan mollado en auga. Así o fixo o
santo e sandou axiña. Desde aquela comezou a repartir bolos de pan bieitos entre os
enfermos e conseguiu que moitos deles sandasen tamén (Debuxo de Siro López e imaxe da Raíña Santa coas rosas nas mans en Coimbra).

Outra lenda, tamén atribuída á Raíña Santa, Isabel de Portugal, e ao seu home, o rei don Dinís ―neto de Afonso X o Sabio, fundador da vila de Pontedeume―, asegura que é debido a que un día no que san Nicolás de Tolentino repartía o pan da súa comunidade de frades entre os pobres foi sorprendido polo prior e os bolos se converteron en rosas, para que o superior do convento non lle botase en cara que deixaba sen pan aos seus irmáns; na que relaciona o feito coa Raíña Santa, as moedas que levaba como esmola para os pobres atendidos no convento de Santa Clara de Coimbra foron transformadas en rosas para que o rei don Dinís non se decatase de que a súa muller lles daba cartos ás monxas.

 

Lea también

El 10 de marzo de 1972 en Ferrol ¿Tragedia o suceso histórico?

Enrique Barrera Beitia Todos los ferrolanos sabemos que el 10 de marzo de 1972 una …

Un comentario

  1. Bonita historia, además de la celebración con boliños para los días de fiesta hay que pensar en limpiar eficientemente, sobre todo ahora que tenemos el covid-19 encima. Les recomiendo hacerlo eficientemente o llamar a un equipo especializado, todo con tal de erradicar el consavido virus.