Narón-A alcaldesa asinou convenios de colaboración cos presidentes das ANPAS do CPI O Feal e o CEIP Virxe do Mar

 A alcaldesa de Narón Marián Ferreiro asinou na mañá deste venres dous convenios de colaboración con Antonio Montenegro e Rubén López, presidentes das ANPAS “O Buxato”, do CPI O Feal e “Galatea”, do CEIP Virxe do Mar, respectivamente, por un importe conxunto de 6.400 euros. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, estivo tamén presente na convocatoria, que tivo lugar no Consistorio.

En ambos casos, o obxecto do convenio, tal e como indicou a alcaldesa, é o desenvolvemento da actividade de comedor escolar de almorzos para os días lectivos, a través do programa de “Educación para a saúde-Nutrición escolar” no municipio. Con este servizo apóstase por mellorar a nutrición infantil en idades de 3 a 12 anos nos períodos matutinos e crear entre os menores unha serie de hábitos como a hixiene buco-dental e de inxestión de menús de almorzos equilibrados.

A maiores, tamén mediante este programa se practican destrezas e habilidades relacionais con xogos cooperativos e ofrécese ás familias unha iniciativa encamiñada a favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, segundo recalcou Ferreiro.

O programa de Educación para a saúde-Nutrición escolar e de conciliación desenvólvese nos citados centros os días lectivos entre as 7.30 e as 9.00 horas, tal e como recordou a alcaldesa, que destacou a acollida que ten entre as familias da cidade.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …