O Concello de Narón celebrou o seu Día con diversas actividades

 A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu no mediodía deste luns o acto de plantación da camelia “Cidade de Narón” organizado con motivo do Día de Narón, festividade local. Á convocatoria acudiron tamén representantes da corporación municipal e da Asociación Galega da Camelia, entre eles, o enxeñeiro técnico agrónomo Eusebio López, artífice da variedade que se plantou no parque de Freixeiro. Ferreiro agradeceu o traballo realizado por López e a colaboración da Asociación Galega da Camelia, ao tempo que lamentou o feito de que “debido á actual situación sanitaria non poidamos celebrar esta data coas nosas veciñas e veciños”.

Camelia «Cidade de Narón»

A rexedora local explicou que a camelia “Cidade de Narón” plantada este luns é unha árbore de sete anos, que dende 2010 está inscrita nun rexistro internacional. “O exemplar que plantamos hoxe parte de varias probas de sementes de diferentes camelias coas que se traballou ata dar con esta planta única, xerada nun tubo de ensaio e posteriormente inxertada e con sementes da camelia xapónica Bob Hope”, recordou Ferrreiro.

Sobre a flor desta variedade Eusebio López explicou que “ten un cor vermello intenso, doble e cos pétalos todos alineados”, ao tempo que indicou que “a planta é columnar,
vai ser piramidal e cunha folla brillante que vai medrar moi ben porque ten un sitio bárbaro aquí”.

A propia alcaldesa, xunto co resto de representantes dos grupos políticos da corporación local que acudiron ao acto e Eusebio López foron os encargados de plantar a camelia “Cidade de Narón”. O exemplar súmase dende este luns ao resto de camelias que locen no parque do Río Freixeiro, donde se poden ver múltiples variedades desta especie.

 

XII Concurso de Pintura Cidade de Narón

Pola tarde, ás 18.00 horas, procedeuse no Pazo da Cultura á entrega dos premios do “XII Concurso de Pintura Cidade de Narón” organizado dende o Padroado da Cultura. A alcaldesa e outros representantes da corporación local participaron no acto, tamén condicionado en canto ao aforo pola actual pandemia, e estiveron cos gañadores do primeiro premio, Melchor Balsera Maldonado, veciño de Badaxoz que recibirá 3.000 euros, e do Premio Especial Francisco Criado, o naronés Víctor Manuel Rodríguez Saavedra, pola súa obra “Tauros”, dotado con 500 euros. Así mesmo, o xurado concedeu unha mención especial á obra “Novus ordo seclorum”, de Verónica Estefanía Bueno Salgado, de Cidade Real.

Primeiro premio

O escultor e pintor Manuel Patinha presidiu o xurado, que tamén integraron os artistas plásticos Jesús Basterrechea e Víctor García, coincidindo todos eles á hora de fallar esta edición do certame na importancia de “potenciar novas fórmulas de expresión artística”.

Premio especial

Ferreiro recordou que se presentaron un total de 26 obras a este concurso, agradecendo a participación, o labor do xurado e a asistencia un ano máis de Emilia Paredes, viúva do pintor Francisco Criado, que tamén colaborou na entrega de premios.

Homenaxe ao persoal voluntario

Nesta xornada do Día de Narón tamén se fixo público un vídeo a través do que o Concello quixo render unha homenaxe ao persoal voluntario “polo traballo que realizou e realiza nesta crise sanitaria, para axudar a aquelas persoas que máis o precisan con toda a súa entrega e dedicación dende o primeiro día e que son todo un exemplo de solidariedade”, subliñou Ferreiro. 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …