Lenda de Ith, o fillo de Breogán, no acrílico de Pedro Castro Couto

José Fonte Sardiña
Contan as vellas lendas que cando Breogán, o patriarca da Celtia galega cantado por Pondal nos versos do himno de Galicia, arribou á nosa terra, fundou Brigantia, a actual cidade da Coruña, e alí levantou unha torre tan alta que desde a súa cúspide se podía ver Irlanda; dinos Murguía que “semellaba unha pirámide, carecía de escaleira interior e se subía á súa cimeira pola rampla en espiral que a rodeaba, o bastante ancha como para que puidese ascender e chegar ao máis alto un carro de bois” (Manuel Murguía: Galicia, primeira edición Barcelona, 1888, citado pola de Sálvora, Santiago de Compostela, 1985, p. 127, de onde se toma tamén o debuxo).

Seu fillo Ith, que subía acotío á torre, devecía por viaxar a aquelas afastadas terras que
se divisaban desde o alto, e un bo día emprendeu a expedición cara á actual Irlanda,
habitada daquela polos Tuatha Dé Danann, onde atopou a morte na batalla, malia que
cumprira a recomendación dun dos sabios que aconsellaban ao seu pai que lle dixera
que tería que facer a viaxe en barco polo Atlántico subido no seu cabalo e que tampouco non podería pisar a terra se non era enriba do animal porque, se o facía, morrería. Que ben o conta, sen necesidade de palabra ningunha, Pedro Castro Couto no seu marabilloso acrílico sobre lenzo que acaba de facer.

Os compañeiros de Ith trouxérono ao golfo Ártabro onda o pai e en Brigantia foi
enterrado. Así e todo, seu fillo Mil decidiu vingalo, volveu ás terras irlandesas e
conseguiu derrotar aos Tuatha Dé Danann e conquistar aquel fermoso lugar.

Contra o ano corenta do século I despois de Cristo, entrou tamén polo golfo Ártabro a
nave trirreme dos romanos, que conquistaron estas terras que foran ocupadas antes polo mítico Breogán e os seus sucesivos herdeiros e devanceiros nosos. O cronista que con eles veu, Pomponio Mela, describía en latín, e nos traducimos á nosa lingua, na
súa Chorographia, esta chegada, dicindo que, “naquela costa, están primeiro os
ártabros, que son eles mesmos de estirpe celta, despois, os ástures. Entre os ártabros, un golfo no que penetra o mar por unha estreita boca, pero cuxa contorna se ensancha considerablemente para o recibir no seu interior, abraza no seu xiro a cidade de Adrobrica e as desembocaduras de catro ríos: dúas delas non alcanzan sona nin entre os seus habitantes e polas outras dúas desaugan o Anaris [refírese ao Eume, ao que identifica co nome da ría de Ares ―Anaris > Aaris > Ares― na que desemboca] e o Xuvia” (tomado e traducido de Isidoro Millán González-Pardo: Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz, A Coruña, 1987, p. 25 e 26; o mapa, p. 128).

Os últimos e heroicos celtas galegos que quedaran cercados no mítico monte Medulio,
resistindo a acometida, por non se renderen e quedaren baixo o xugo do Imperio
Romano, cando se decataron da súa extrema situación, enguliron o veleno que alí se
obtiña das árbores chamadas teixos despois de espremer as súas bagas cocidas; ninguén sabe con certeza en que lugar de Galicia se atopaba este lendario monte Medulio, polo que cada terra o identificou coa súa montaña sagrada; así pois, a resistencia dos ártabrossen dúbida tivo que ser baixo a protección do Breamo.

Pontedeume conserva no paseo marítimo, ao pé do esteiro do Eume, un vello exemplar―ten entre dous e tres séculos de idade, unha altura de 11,20 metros, un perímetro de 4,60 metros e un diámetro de copa de 21,65 metros, consonte a catalogación de Rigueiro Rodríguez, Bernárdez Villegas e Rodríguez Dacal: “Árbores e formacións senlleiras de Galicia”, Vigo, 2008, p. 227― desta emblemática árbore que loita bravamente por seguir vivindo, perdido xa o antigo esplendor de tempos idos.

Así e todo, os romanos, que nos impuxeron moitas cousas, non todas malas, e borraron boa parte da pegada dos antigos poboadores da nova Gallaecia, deixaron un froito moi saboroso coa súa invasión, o noso tesouro máis prezado, a lingua galega, labrada polo pobo ao longo dos séculos, que cómpre conservar co mesmo entusiasmo, aínda que con máis éxito, que o demostrado polos heroes do Medulio.

Lea también

Pontedeume e Cabanas na novela “A viaxe de Gagarin” de Agustín Fernández Paz

José Fonte Sardiña É ben coñecido o amor que lle tiña á nosa vila Agustín …