Narón-O Pazo da Cultura acolle esta fin de semana un amplo programa cultural

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana tres espectáculos. As entradas para sábado e domingo están esgotadas polo control do aforo.

Este venres

O primeiro deles terá lugar este venres, día 27, ás 20.30 horas, “Mad Martin Trío, unha proposta musical de classic rock&rockabilly a cargo da compañía Sonaxe Producións. Este trío musical debutou no ano 2014 coa canción “It was a very good year” e agora presentan “Tornado”, un vinilo financiado cunha exitosa campaña de crowfunding grabado en Barcelona.

O público poderá escoitar temas propios e algunhas versións como “Tornado”, de los Jiants, que dá título ao disco e unha das favoritas da banda, integrada por Martín Esturao (voz e guitarra), Francisco Sieira (batería e coros) e José Miguel Martínez (contrabaixo e coros). As últimas entradas poden aínda adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es- a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e menores de 14 anos.

O sábado

O sábado terá lugar ás 20.00 horas o espectáculo “Feminíssimas”, da compañía De Ste Xeito Producións, para o que están esgotadas as entradas, ao ter un aforo limitado nas instalacións a 50 persoas.

Trátase dunha comedia dirixida a público adulto cuxa temática xira en torno a un congreso feminista que se celebra na cidade de Vigo e no que as protagonistas son tres amigas da adolescencia.

O domingo

Así mesmo, tamén están esgotadas as prazas dispoñibles para ver este domingo no Café Teatro do Pazo a obra “Os Bolechas e a porta dos camiños”, da compañía Bolanda e que dará comezo ás 18.00 horas. Esta proposta está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través da Rede de Dinamización Lingüística, na que está inserido o Concello de Narón.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …