Javier Gutiérrez, Concha Velasco e Antón Reixa, entre os protagonistas da programación do Pazo para o primeiro trimestre de 2021

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou a programación que se desenvolverá no primeiro trimestre do vindeiro ano no Pazo da Cultura. Ferreiro destacou que as representacións programadas no Pazo “inclúen un ano máis un conxunto de propostas de teatro, teatro musical e musicais dirixidos a todo tipo de públicos” e avanzou que no mes de marzo se desenvolverá a sexta edición do “Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular”, que contará “cunha ampla participación de compañías galegas, ás que queremos continuar apoiando particularmente nestes tempos complicados tamén para o sector, e no que tamén participarán compañías doutras comunidades españolas e unha procedente de Chile”.

En xaneiro

O día 9 de xaneiro iniciarase a programación coa representación da comedia “O Premio”, da compañía La Quintana, ás 20.00 horas. Trátase dunha obra semellante a un reality en directo que fai moi partícipe ao público, que vota quen merece levar o premio da súa vida e con tres posibles finais en función desas votacións. Os días 15 e 16 de xaneiro a compañía Elefante Elegante representará –ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente- unha peza de teatro musical, “Dreaming Juliet”, inspirado na obra “Romeo e Xulieta”, de William Shakespeare. O mes de xaneiro inclúe tamén unha estrea, a da obra “A voz tomada”, da compañía Que contas? Haberá dous pases, o venres 22 ás 20.30 e o sábado 23 ás 20.00 horas, nos que se contará dun xeito moi peculiar a historia doméstica dun individuo, os seus pais e a súa filla. Así mesmo, o domingo 24 representarase “Xurásico perdido”, de Títeres Cachirulo, ás 18.00 horas –nesta ocasión no Café Teatro-, protagonizado polo malvado Katraska e os seus malfeitores e tamén por Ariadna e o seu mestre Florentino, que loitarán por protexer a Xuri, un dinosauro. Finalmente en xaneiro, o día 30 poderase ver no Pazo a comedia “Señor Ruiseñor”, de Joglars, ás 20.00 horas, donde un xardineiro deixa o traballo polo reuma e comeza a presentar visitas teatralizadas no Museo Rusiñol.

En febreiro

En febreiro os días 5 e 6, ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente, poderase ver a obra “A lingua das bolboretas”, de Sarabela Teatro, no que o espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe do protagonista da man do seu mestre. A continuación, o día 12 terá lugar o concerto de música soul protagonizado por Carla Green&The Demons, a cargo de Músicos ao Vivo Sociedade Cooperativa Galega, ás 20.30 horas no Café Teatro do Pazo. O día seguinte, o sábado 13 ás 20.00 horas estarán no Pazo Antón Reixa e Antela Cid, para representar “Melancoholemia”, de Con de Tres Pés SL e na que Reixa interpreta a un paciente dunha institución mental que recibe aos convidados nunha sesión de “portas abertas”. O venres 19 -20.30- e o sábado 20 –20.00 horas- regresará o teatro da man de Todas Las Mujeres AIE., coa obra “Principiantes”, de cuxo elenco forma parte o actor Javier Gutiérrez e que xunto cos tres compañeiros de reparto trata de respostar unha cuestión moi precisa. As tres últimas citas do mes de febreiro serán o día 21 -18.00 horas- no Café Teatro, coa comedia “Quixote”, de Pedras de Cartón; o día 27 –20.00 horas- con Vaivén Producciones, que representará a comedia musical “Yo, la peor del mundo”, sobre unha muller que se enfronta a todo para acadar a súa liberdade, e o  día 28 -18.00 horas- poderase ver “Don Gaiferos”, de Os Monicreques de Kukas, que narrarán a viaxe dun peregrino francés.

En marzo

No mes de marzo celebrarase a sexta edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que un ano máis inclúe varios monólogos e unha serie de actividades paralelas. A primeira cita será o día 6, ás 20.00 horas e coa actriz Concha Velasco de protagonista do monólogo “La habitación de María, de Pentación Espectáculos. O programa deste festival continuará os días 12 e 13 de marzo –ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente- cunha estrea, “Libre coma os paxaros”, de Teatro do Atlántico e protagonizada por María Barcala. Así mesmo, o día 14 ás 18.00 horas será o turno de Juan Rodríguez, que protagoniza “Feo!”, da compañía Caramuxo Teatro; o día 19 ás 20.30 María Ángeles Iglesias protagoniza «Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, da Compañía Verdeverás Expresións Artísticas e o CDG; o día 20 ás 20.00 horas Alberto San Juan estará no Pazo con “Autorretrato de un joven capitalista español”, de Teatro del Barrio; o día 21 ás 18.00 horas Andrea Bayer protagonizará “Fíos”, de Baobab Teatro; o día 26 ás 20.30 poderase ver a Laura Villaverde en “Chola a it girl”, de Artesacía; o día 27 ás 20.00 horas a Edurne Rankin con “L@s niñ@s de Winnipeg”, da compañía chilena La llave maestra e finalmente, o día 28 ás 18.00 horas pechará o ciclo de monólogos a compañía Eme2 Producións, con “Semente”, protagonizada por Mercedes Castro.

O programa do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular inclúe ademais o día 19 de marzo ás 18.00 horas unha mesa redonda sobre “Circulación internacional de espectáculos teatrais”, na que participarán recoñecidos profesionais do teatro a nivel nacional e internacional. Así mesmo, programáronse dous cursos, un sobre “Festival de Mueca. Unha experiencia de xestión coparticipada”, o día 20 de marzo de 9.00 a 12.00 impartido por Marcelino Martín, director do festival Mueca, e outro sobre “Interpretación actoral” do 22 ao 25 de marzo, de 18.00 a 21.00 horas, a cargo da actriz galega e cofundadora de Teatro do Atlántico María Barcala.

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura indicou que a venda de entradas ao público en xeral comezará o vindeiro martes, 29 de decembro, tras finalizar o día 28 o prazo para que as persoas abonadas poidan realizar as súas reservas

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …