As cunchas de vieira, un símbolo xacobeo no “Códice Calixtino”

José Fonte Sardiña
Consonte o coñecido sermón Veneranda dies, talvez o máis emblemático do Libro I do “Códice Calixtino”, os peregrinos que regresan de Xerusalén “traen as palmas e os que volven do santuario de Santiago levan cunchas. Porque a palma simboliza o triunfo; a cuncha, as boas obras […]. Hai uns mariscos no mar próximo a Santiago que o pobo chama vieiras, que teñen coma dous escudos, un por cada parte, nos que se esconde entre dúas cunchas un molusco con aparencia dunha ostra […]. Os peregrinos que volven do sepulcro de Santiago cósenas nas súas capas e lévanas con moita alegría ás súas casas para honra do Apóstolo en sinal dunha viaxe tan importante. Polos dous escudos cos que se protexe o marisco polos dous lados represéntanse os dous preceptos da caridade, cos que debe protexer a súa vida o que os leva de verdade, a saber: amar a Deus sobre todas as cousas e ao próximo como a si mesmo. Ama a Deus o que garda os seus mandamentos; ama ao próximo como a si mesmo o que non fai a outro o que non quere para si e fai aos demais o que xustamente quere para el” (Xosé López Díaz: “O Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Libro I, capítulo XVII, Vigo, 2009, p. 215 e 216) (Vieiras na fachada principal da igrexa de Santiago de Pontedeume).

Falando dos tres modelos iconográficos do Noso Señor Santiago, conta Castelao que os europeos o representaron “a semellanza dos seus pelegríns, con esclavina e chapeu
cobertos de cunchas-vieiras, un bordón na man direita e un libro na esquerda; os pés
descalzos i en actitude de andar […], a modo de santo protector dos camiños, símbolo da alma viaxeira de Europa” (Castelao: “Sempre en Galiza”, Libro IV, capítulo I, primeira edición Buenos Aires, 1944, citado pola edición de Galaxia e La Voz de Galicia, A Coruña, 2001, t. II, p. 248). A vieira aparece na inmensa maioría das imaxes de Santiago Peregrino, entre as elas a da Porta Santa ―que o Apóstolo loce no sombreiro e a esclavina―, a que preside o retablo maior da igrexa de Boebre ―que a leva no chapeu―ou a do ático do retablo do Sagrado Corazón da igrexa parroquial de
Pontedeume ―foi trasladada alí desde o tabernáculo en 1969―, que porta todos os
atributos dos que fala Castelao, agás o sombreiro, e loce o emblemático molusco na
esclavina; as cunchas tamén acompañan a efixie do Apóstolo aos seus pés e a ambos os
lados no retablo.

Seguindo un modelo moi semellante ao descrito por Castelao, foron representados
tamén outros peregrinos, como o mesmo Xesús Cristo en Emaús, que aparece nun
relevo labrado no mosteiro de Santo Domingo de Silos ―coa vieira no zurrón―, ou o
san Roque de Montpellier da parroquial eumesa ―leva as cunchas na esclavina― que
se atopa no retablo da Santísima Trindade e ten o chapeu colgado do pescozo.

Dinos Castelao que os españois mostraron ao seu padroeiro “a semellanza dos
guerreiros da Reconquista, montado nun cabalo branco e brandindo unha espada, terror de sarracenos, xa vencidos e derrubados no chan […], único caso dun Apóstolo de Cristo representado en forma pouco evanxelizadora” (Ibidem). Moitos destes Santiagos Cabaleiros ou Matamouros levaban no sombreiro ou na esclavina as cunchas de vieira, como o que fixo Gambino para a catedral de Santiago e o da igrexa parroquial de Pontedeume ―que o tomou como modelo―, ou o máis modesto de Boebre, que loce tamén a vieira nas cinchas do cabalo. Pola súa parte, o da miniatura dunha edición do “Códice Calixtino”, realizada sendo arcebispo de Santiago Berenguel de Landoira  (1317-1330) e conservada na Biblioteca da Universidade de Salamanca, preséntase sen mouros, coa coroa de santidade na cabeza e a espada na man dereita; as vieiras aparecen unha no estandarte que porta na esquerda e varias máis no fondo da ilustración.

Así e todo, podemos atopar tamén algunhas representacións do apóstolo Santiago
dacabalo ben distintas a estas nas que aparece como miles Christi, entre as que destacan a escultura de Antonio García Patiño e David dos Santos Feal na entrada do Parlamento Galego ―leva dúas vieiras na esclavina―, ou a miniatura do “Liber Consortii Sancti Iacobi Appostoli de Galitia”, de 1399 ―as vieiras están bordadas nas túnicas e nos zurróns dos tres personaxes―, que se garda na Biblioteca Palatina de Parma ―representa o milagre ‘Dos trinta loreneses e do morto a quen o Apóstolo transportou nunha noite desde os Portos de Cize ata o seu mosteiro’ do “Códice Calixtino” (Xosé López Díaz: Op. cit., Libro II, capítulo IV, p. 344 e 345)―. Malia que o home que vai dacabalo non é o apóstolo Santiago, tamén é moi significativa a táboa da “Translación do Corpo de Santiago o Maior e o Milagre do Cabaleiro das Cunchas”, realizada por Johanilis de Orvieto en 1441 e conservada na Pinacoteca e Museo Cívico de Camerino.

Os galegos representamos a Santiago “a semellanza dos Patriarcas, sentado en
maxestade, un bastón na man esquerda e un pergameo na direita, a cabeza erguida, os ollos enfiados cara ao iñoto Oucidente e os versos a repetiren aquel psalmo de David: No mar están os teus camiños e nas moitas augas as túas sendas”   (Castelao:  Op. cit., p. 248). Estas imaxes do Apóstolo, das que temos exemplos abondos na nosa terra, como a do parteluz do Pórtico da Gloria da catedral compostelá, ou as dos retablos maiores da igrexa parroquial e da capela das Virtudes de Pontedeume, non adoitan levar a cuncha de vieira.

Por outra banda, un dos milagres recollidos no “Códice Calixtino” fai referencia ao
efecto taumatúrxico da cuncha de vieira nun enfermo e conta que “a un cabaleiro en
terras de Apulia inchóuselle a gorxa coma un odre cheo de aire. E ao non atopar en
ningún médico remedio que o sandase, confiado no apóstolo Santiago, dixo que, se
puidese atopar algunha vieira das que adoitan levar consigo os peregrinos que volven de Santiago e tocase con ela a súa gorxa enferma, tería remedio inmediato. E ao atopala na casa dun peregrino veciño seu, tocou a súa gorxa e sandou. E desde alí marchou ao sepulcro do Apóstolo en Galicia” (Xosé López Díaz: Op. cit., Libro II, capítulo XII, p.356).

Finalmente, cabe destacar que a vieira é utilizada tamén nos fitos quilométricos das
rutas xacobeas para indicarlles o itinerario aos peregrinos a Compostela, en substitución ou como complemento da emblemática frecha amarela coa que o inesquecible Elías Valiña, o Crego do Cebreiro, marcou o Camiño Francés.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …