Narón-O Concello cofinanciará con cargo ao POS+ 2021 investimentos por importe de 2,2 millóns de euros

O Concello de Narón cofinanciará con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) 2021 da Deputación da Coruña investimentos na cidade por un importe conxunto de 2,2 millóns de euros. A maiores, o Concello tamén participará no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+ Adicional), recibindo da administración provincial unha partida de 340.038 euros que se destinará ás áreas de Acción Social e Dependencia. As actuacións a levar a cabo
abordáronse na mañá deste xoves no transcurso da Comisión de Contratación, Persoal e Especial de Contas.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que con cargo ao POS+ 2021 na área de investimentos, entre outras, se levarán a cabo as obras de acondicionamento do local para o Club de piragüismo de Narón e tamén do edificio para fomento e apoio de actividades deportivas na Gándara. Así mesmo, procederase a avanzar na dotación de servizos, concretamente de saneamento, ampliando a rede no Camiño da Fonte, e procederase a reparar a capa de asfalto de varios viais da zona rural, entre eles os de Río Bello, Rapadoiro, A Mata, Barcelo, Pormariño e Rapaxote.

A maiores tamén se levarán a cabo importantes investimentos como a execución de obras de accesibilidade e mellora da rúa Marcial Calvo, o acondicionamento do edificio de servizos na Feira do Trece, en Sedes, melloras de accesibilidade no edificio do xulgado de Narón, en Xuvia, o acondicionamento do local social do Alto e a ampliación da rede de saneamento na parroquia de Sedes, no lugar do Pereiro.

“Todas estas obras suporán un importante investimento cofinanciado pola administración provincial e local, que nos vindeiros meses permitirá materializar unha serie de proxectos e actuacións impulsadas dende o goberno local e que mellorarán instalacións e a oferta de servizos á veciñanza de Narón”, destacou a alcaldesa.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …