A Xunta premia aos cursos 1º e 2º de Primaria do CEIP «Virxe do Mar» de Narón

Colexio «Virxe do Mar» de Narón

A Xunta de Galicia deu a coñecer este martes a resolución da IX edición dos Premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, que convoca a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e OQOeditora.

O CEIP Plurilingüe Virxe do Mar de Narón

Na modalidade de educación infantil resultou gañador o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo pola curta Mariluz avestruz; na de 1º e 2º cursos de educación primaria, recibiu o premio o CEIP Plurilingüe Virxe do Mar de Narón polo traballo Quen pode vencer o virus e na de 3º e 4º de primaria, o CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha por Paco Papán.

Os tres centros recibirán cadanseu lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e mais un diploma acreditativo. Pola súa banda, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería. As curtametraxes seleccionadas, realizadas coa técnica stop-motion, poden verse no Portal da Lingua Galega así como na sección infantil do web da Televisión de Galicia.

Aprender e ensinar innovando

Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística que consiste na elaboración nas aulas de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion partindo de narracións literarias, un labor para o que o profesorado recibe materiais e formación no marco do Plan Proxecta, a iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para fomentar a innovación educativa e o traballo en rede e do alumnado e do profesorado.

Neste contexto, o certame de curtas promove xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas e consegue unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC. Tamén abre unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego e fomenta a creatividade en lingua galega ao tempo que difunde as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG.

Lea también

O BNG de Narón presenta unha moción sobre vivenda

O BNG de Narón presenta unha moción no pleno para frear o prezo dos alugueiros, …